En marzo toca o reloxo e o Camiño de Santiago espreguízase. As vilas xacobeas espertan da hibernación e comezan a rebulir.
Abren os albergues, pero tamén os bares e restaurantes, e xa se pode escoller onde tomar un café en localidades como Palas de Rei ou Portomarín, moi aletargadas no inverno.
Aínda que todos os días do ano chegan peregrinos a Compostela, as cifras durante o inverno son simbólicas.
Salado Golf & Beach Resort
Descubre la oportunidad de inversión más exclusiva del Caribe. Villas de lujo con retorno garantizado del 12% anual en Punta Cana.
Conoce más →A Oficina do Peregrino entrega de novembro a febreiro entre 50 e 100 compostelas cada día, moi lonxe das 3.000 que se poden selar nunha xornada de xullo ou agosto.
O impacto da tempada baixa nas vilas do Camiño
Os negocios que viven principalmente do Camiño non son quen de cadrar as contas nos meses de baixa afluencia e en outubro botan a chave ata que os camiñantes volven aparecer polo horizonte.
Son principalmente bares, restaurantes e aloxamentos e o seu peche apaga a vida de vilas como Palas de Rei ou Portomarín, cada vez máis orientadas ao servizo ao peregrino e que no inverno sofren a súa ausencia.
Estes días o ambiente xa cambiou. Algúns bares e restaurantes abriron as portas e quen aínda non o fixo está preparando todo para levantar a reixa nos vindeiros días.
Xa se ve movemento e ansia por empezar unha tempada de traballo moi intenso, pero vital para sobrevivir o resto do ano.
Preparativos e expectativas dos hostaleiros
María Folgueira e Mario González, propietarios do albergue Buen Camino de Palas de Rei, ultiman estes días os preparativos para reactivar o seu negocio.
«Abrimos o 20 e xa temos reservas para o primeiro día e para moitos outros. Ao longo de toda a tempada soemos estar completos os luns, martes e mércores porque estamos a tres etapas de Santiago e o peregrino español quere estar o domingo na casa para volver ao traballo o luns. Soen facer o Camiño nunha semana», explica María Folgueira.
Está ansiosa por recibir os seus clientes, por deixarse sorprender a diario por quen entra pola porta, por ver a cara desa voz que reservou unha cama por teléfono.
María Folgueira recibe ao camiñante co espírito xacobeo de antano. «O Camiño desvirtuouse, estase perdendo o desfrute real da experiencia, o camiñar en solitario, a esencia da peregrinación. Algún parece que vai ás carreiras».
Non quere que isto aconteza no seu negocio, así que combate globalización con tradición. «Quero ofrecer un servizo diferente a través do trato e da comida. Os nosos almorzos están feitos con produtos ecolóxicos e locais. Iogur de Sen Máis, pan de Fraga, ovos de Castro Serantes… É o noso xeito de coidar o peregrino, cunha comida que non só serve para repoñer forzas, senón que transmite cariño».
«Xa temos reservas para o 2027, que é Ano Santo»
María Folgueira desfruta especialmente do inicio e do remate da tempada. «Gústame o ambiente de maio e de setembro, cando a maioría dos peregrinos son internacionais. Neses momentos conflúen na mesa distintas nacionalidades e encántame escoitar as historias de cada un».
As novas tecnoloxías facilitan a socialización. «O tradutor do móbil é unha marabilla, non hai idioma que se resista», comenta.
A hospedeira tamén percorreu o Camiño de Santiago e sabe o que se sente. Por este motivo, trata a quen peta á súa porta «como me gustaría que me tratasen a min».
Aínda que o peregrino non é un cliente fiel que vaia regresar moitas veces, sabe agradecer o bo servizo e corresponde con boas referencias que serven para atraer outros camiñantes.
O albergue Buen Camino xa ten reservas para o ano que vén, no que se espera gran afluencia de persoas por ser Ano Santo.
É habitual que o ano anterior ao Santo tamén se rexistre gran concorrencia no Camiño, pero o contexto bélico internacional podería condicionar as cifras.
«Pola situación de Irán estase notando que hai menos reservas de asiáticos e australianos, que teñen que facer escalas nas viaxes e teñen medo», comenta María Folgueira.
En calquera caso, no albergue Buen Camino traballan contra o reloxo para que nada falle e cada peregrino atope nesta casa de Palas de Rei o descanso que precisa.
Servizos auxiliares e o reto da estacionalidade
José Antonio Bruzos Estrada tamén traballa estes días con esa ansia. É o responsable de Mochilas Estrada, empresa de Portomarín que se encarga de transportar a equipaxe dos peregrinos ao longo do Camiño Francés.
«Din que a tempada vén forte, pero non se sabe. Nós imos día a día, non temos moita previsión ata que chaman dos aloxamentos para que vaiamos recoller as mochilas», comenta.
Estrada traballa durante todo o ano, «pero baixo mínimos», e contrata algún axudante na tempada alta, cando a demanda o require.
«Facemos o traxecto entre Sarria e Santiago. Levamos sobre todo mochilas e maletas pequenas, a maioría de 20 quilos para abaixo, o que habitualmente levan os peregrinos consigo», explica.
«O tempo hai que telo en conta, pero nalgún momento parará de chover»
Estes días xa empeza a estar pendente do teléfono porque a proximidade da primavera así o require. «O tempo hai que telo en conta e despois de tanta auga nalgún momento parará de chover», bromea.
Estrada agradece a chegada de marzo non só polo incremento de traballo, senón polo cambio de ambiente en Portomarín.
«No inverno non hai ninguén pola rúa. Quedan dous ou tres bares abertos e un restaurante». Nestes días, os hostaleiros levantan as reixas e as rúas mudan de aspecto.
Pendente da hostalería tamén traballan na Panadería Fraga de Palas de Rei. Lupe Gómez sabe que cando abren os bares e os restaurantes do Camiño de Santiago a demanda de pan multiplícase.
Traballa con esa previsión e di que «está todo preparado» para que non falte un bocadillo.
A Panadería Fraga distribúe pan tanto en localidades do Camiño Francés como do Primitivo.
«Esperamos que o maior aumento da demanda se produza cara a Semana Santa, que é cando xa está todo aberto», avanza Lupe Gómez, pero o incremento gradual xa comezou coa apertura dos primeiros bares o día 1 de marzo.
«Está todo preparado para que non falte pan no Camiño»
A panadeira explica que ten os mesmos empregados todo o ano e, para afrontar o traballo a maiores nesta época, «collemos alguén máis se fai falta».
Iso si, no verán non hai vacacións nas panaderías do Camiño.
O esforzo das lavandarías e a dificultade de atopar persoal
Nas lavandarías tamén se acabou a tranquilidade. Toñecho Gómez e Ana López xestionan dous establecementos de lavadoras de autoservicio e unha lavandaría industrial en Palas de Rei, ademais dunha parafarmacia en Melide.
Ás instalacións da lavandaría industrial de Palas de Rei chegan nun día de inverno entre 600 e 700 quilos de roupa procedente de aloxamentos e restaurantes.
«Nun día de verán poden entrar 1.900 quilos de roupa», apunta o xerente como comparación.
«No inverno somos catro e traballamos cómodos. No verán duplicamos traballadores e os oito temos que voar para dar feito o traballo», explica Tonecho Gómez.
Ademais, os encargos deben estar limpos e dispoñibles canto antes porque non hai roupa que chegue cando os albergues colgan a diario o cartel de completo.
«Duplicamos persoal e temos que voar para dar feito»
Nas lavandarías de autoservizo de Palas de Rei tamén se percibe o incremento de demanda. «Quintuplícase o uso», afirma o responsable.
Neste caso, o traballo é menor porque cadaquén lava a súa roupa, pero o espazo require constante mantemento.
«O máis difícil é manter a limpeza e abastecer a máquina de cambio, que nunca chega para un día e é difícil conseguir tantas moedas en Palas», apunta o encargado.
Tonecho Gómez agarda a partir de agora «un volume de traballo brutal» e subliña a dificultade de atopar empregados para reforzar os servizos.
«En Palas de Rei non hai paro. Quen quere pode traballar, polo menos nesta tempada. Pero os bos traballadores están collidos e os contratos temporais non resultan atractivos. Para non perder un bo traballador hai que facerlle contrato anual», sostén.
«No inverno dá para a empregada e o alugueiro, pero no verán non paramos»
Isto teno comprobado na parafarmacia de Melide, outro negocio que Toñecho Gómez e Ana López xestionan no Camiño Francés.
«No inverno dá, polos pelos, para pagar a empregada e o alugueiro, pero no verán non para de entrar xente», que agradece o coidado recibido da dependenta, que na opinión do seu xefe «é moi boa no trato, párase moitísimo cos peregrinos, failles as curas e aconséllaos nos tratamentos porque todos chegan con ampolas e rozaduras».
Tonecho Gómez explica con humor que a parafarmacia de Melide «está moi ben situada, xusto entre dúas polbeirías. A calquera que veña de andar tantos quilómetros vaille doer todo cando se levante despois de comer».
Diso tamén pode dar fe Fernando Torreiro, propietario do albergue e restaurante Castro, de Palas de Rei, que estes días se prepara para unha apertura inminente.
No seu establecemento traballan 16 persoas que están desexando ver entrar xente pola porta.
«O complicado é pechar no inverno cando non hai como soster o negocio, porque o persoal non ten onde ir traballar, pero abrir queremos sempre», di con ilusión na nova tempada.
O responsable do Castro di que ao inicio de cada campaña «hai que renovar algún traballador e é moi difícil conseguir quen che veña. Para a hostalaría sempre é complicado contratar empregados, pero para un albergue que só vai funcionar sete meses é aínda máis difícil atopalos».
«Dou aloxamento aos meus empregados porque non hai pisos para alugar»
Considera que «os traballadores deste sector, suxeito a actividade estacional, deberían ter unha consideración específica para a Seguridade Social, algunha prestación que compense cando non poden traballar».
Ás dificultades para atopar empregados súmase a complicación de darlles aloxamento nunha localidade orientada ao alugueiro turístico.
«Eu teño varios pisos para aloxar os meus traballadores porque en Palas de Rei non hai xeito de alugar nada», comenta Torreiro.
Pero todo ten amaño e á beira dos diversos Camiños está todo listo para recibir os peregrinos. Os seus pasos son a alarma que as vilas esperan para espreguizarse e desfrutar de novo da diversidade que emana da ruta xacobea.
¿Buscas una Inversión Segura?
Salado Golf & Beach Resort te ofrece la oportunidad de invertir en el Caribe con rentabilidad garantizada del 12% anual
Solicitar Información Ahora