En marzo toca o reloxo e o Camiño de Santiago espreguízase. As vilas xacobeas espertan da hibernación e comezan a rebulir.
Abren os albergues, pero tamén os bares e restaurantes, e xa se pode escoller onde tomar un café en localidades como Palas de Rei ou Portomarín, moi aletargadas no inverno.
Aínda que todos os días do ano chegan peregrinos a Compostela, as cifras durante o inverno son simbólicas.
A Oficina do Peregrino entrega de novembro a febreiro entre 50 e 100 compostelas cada día, moi lonxe das 3.000 que se poden selar nunha xornada de xullo ou agosto.
O impacto da tempada baixa nas vilas do Camiño
Os negocios que viven principalmente do Camiño non son quen de cadrar as contas nos meses de baixa afluencia e en outubro botan a chave ata que os camiñantes volven aparecer polo horizonte.
Son principalmente bares, restaurantes e aloxamentos e o seu peche apaga a vida de vilas como Palas de Rei ou Portomarín, cada vez máis orientadas ao servizo ao peregrino e que no inverno sofren a súa ausencia.
Estes días o ambiente xa cambiou. Algúns bares e restaurantes abriron as portas e quen aínda non o fixo está preparando todo para levantar a reixa nos vindeiros días.
Xa se ve movemento e ansia por empezar unha tempada de traballo moi intenso, pero vital para sobrevivir o resto do ano.
Preparativos e expectativas dos hostaleiros
María Folgueira e Mario González, propietarios do albergue Buen Camino de Palas de Rei, ultiman estes días os preparativos para reactivar o seu negocio.
«Abrimos o 20 e xa temos reservas para o primeiro día e para moitos outros. Ao longo de toda a tempada soemos estar completos os luns, martes e mércores porque estamos a tres etapas de Santiago e o peregrino español quere estar o domingo na casa para volver ao traballo o luns. Soen facer o Camiño nunha semana», explica María Folgueira.
Está ansiosa por recibir os seus clientes, por deixarse sorprender a diario por quen entra pola porta, por ver a cara desa voz que reservou unha cama por teléfono.
María Folgueira recibe ao camiñante co espírito xacobeo de antano. «O Camiño desvirtuouse, estase perdendo o desfrute real da experiencia, o camiñar en solitario, a esencia da peregrinación. Algún parece que vai ás carreiras».
Non quere que isto aconteza no seu negocio, así que combate globalización con tradición. «Quero ofrecer un servizo diferente a través do trato e da comida. Os nosos almorzos están feitos con produtos ecolóxicos e locais. Iogur de Sen Máis, pan de Fraga, ovos de Castro Serantes… É o noso xeito de coidar o peregrino, cunha comida que non só serve para repoñer forzas, senón que transmite cariño».
«Xa temos reservas para o 2027, que é Ano Santo»
María Folgueira desfruta especialmente do inicio e do remate da tempada. «Gústame o ambiente de maio e de setembro, cando a maioría dos peregrinos son internacionais. Neses momentos conflúen na mesa distintas nacionalidades e encántame escoitar as historias de cada un».
As novas tecnoloxías facilitan a socialización. «O tradutor do móbil é unha marabilla, non hai idioma que se resista», comenta.
A hospedeira tamén percorreu o Camiño de Santiago e sabe o que se sente. Por este motivo, trata a quen peta á súa porta «como me gustaría que me tratasen a min».
Aínda que o peregrino non é un cliente fiel que vaia regresar moitas veces, sabe agradecer o bo servizo e corresponde con boas referencias que serven para atraer outros camiñantes.
O albergue Buen Camino xa ten reservas para o ano que vén, no que se espera gran afluencia de persoas por ser Ano Santo.
É habitual que o ano anterior ao Santo tamén se rexistre gran concorrencia no Camiño, pero o contexto bélico internacional podería c
Únete a la conversación
Regístrate gratis con tu email para comentar en las noticias. Tu opinión importa.