O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro Armando Ojea recibiron no salón de plenos a Mame Mor Mbacké Mourtada, líder relixioso, guía espiritual do muridismo e figura destacada do ámbito educativo no Senegal, segundo informa o Concello nunha nota publicada o 2 de outubro de 2026.
Mame Mor Mbacké é fundador e presidente da Université Cheikh Ahmadou Bamba (UCAB) e responsable da rede de escolas e institutos Al Azhar no Senegal. Ademais, é recoñecido polas súas viaxes e labores de orientación dirixidas á comunidade senegalesa na diáspora.
A recepción institucional inscríbese nunha xira internacional que está a realizar o referente espiritual e educativo. Segundo explicou o propio Mame Mor Mbacké, o obxectivo principal do seu desprazamento é «visitar a comunidade senegalesa aveciñada en Ourense para trasladarlles a mensaxe de que deben participar no desenvolvemento do sitio onde están a vivir», así como destacar a importancia de «coñecer as leis do lugar, tendo dereitos e deberes para que esta convivencia poida ser real».
Durante o encontro abordáronse cuestións como a integración activa, a formación e o diálogo constante coas institucións locais. Neste sentido, o líder relixioso subliñou que en cada destino intenta «falar coas autoridades para dialogar» e insistiu en que os membros da súa comunidade «deben respectar as leis, participar a nivel cultural, coñecer o lugar e saber a lingua» nos concellos nos que residen.
Mame Mor Mbacké fixo unha valoración «moi positiva» do encontro no Concello de Ourense e destacou a receptividade do alcalde: «Atopamos unha persoa moi aberta, cunha acollida moi especial á miña persoa, e no nome de toda a comunidade déulle as miñas gratitude».
A visita serviu para explorar vías de cooperación futura en materia educativa e cultural entre Ourense e a comunidade senegalesa.
Fonte: Concello de Ourense