A Gala dos I Premios ao Comercio de Verín celebrarase o 2 de outubro ás 21:00 horas no Auditorio de Verín, segundo anunciou AEVER, entidade promotora da iniciativa para recoñecer o traballo dos establecementos da vila.
Xa se coñecen os tres finalistas de cada unha das cinco categorías competitivas, aínda que os gañadores se desvelarán durante a propia Gala. No Premio á Renovación ou Relevo Xeracional compiten Pato Xoieiros, Modas San José e Xoguetería Kuqui. No Premio ao Compromiso coa Comunidade e Identidade Local, os finalistas son Clínica Veterinaria San Roque, Xamonería Martínez e Chabela Regalos.
No Premio ao Novo Comercio optan ao galardón Tatiana Estética Avanzada, Marise Salgado e As Pescadeiras. No Premio á Innovación Comercial de Proximidade, os finalistas son Abeloura Boutique, Xamonería Martínez e UnoUno. No Premio á Mellor Comunicación Comercial de Proximidade compiten Coco Shoes, Santiveri e Clínica Veterinaria San Roque.
Ademais das cinco categorías, entregarase o Galardón Honorífico – Premio ao Comercio de Toda a Vida. A valoración das candidaturas corre a cargo dun xurado integrado por Marta Vázquez Guzmán, directora territorial de Comercio e Emigración de Ourense; Beatriz Gómez Valcárcel, presidenta da Federación de Comercio de Ourense; Mª Isabel González, concelleira de Comercio de Verín; e Manuel Prieto, xerente de 32seicientos.
A gala será unha noite aberta ao público con alfombra vermella, música, pinchos e premios para as persoas asistentes. Quen acudan presencialmente recibirán na propia Gala un boleto para participar no sorteo de cruceiros. A actriz Iria Sobrado será a encargada de conducir o acto, mentres que Mr. Cool porá banda sonora á noite.
Os premios nacen, segundo AEVER, para recoñecer e poñer en valor diferentes maneiras de construír comercio desde a vila: desde os negocios que se renovaron ou deron paso a novas xeracións ata os novos proxectos, a innovación, a comunicación ou os establecementos cunha relación estreita coa comunidade e a identidade local.
Claves
- Data: 2 de outubro, ás 21:00 horas.
- Lugar: Auditorio de Verín.
- Entrada gratuíta con invitación, ata completar o aforo.
- As invitacións poden recollerse na sede de AEVER, de 8:00 a 14:00 e de 15:00 a 16:30 horas, e no Auditorio de Verín, de 17:00 a 21:00 horas.
- Quen asistan presencialmente recibirán un boleto para participar no sorteo de cruceiros.
Fonte: Concello de Verín