O Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC), con sede en Lugo, desenvolverá a segunda edición do Congreso Ibérico de Mocidade Investigadora entre os días 21 e 23 de outubro. No encontro presentaranse preto de 150 traballos científicos de ámbitos como One Health, alimentación, produción animal, medio rural, agricultura, cambio climático ou biodiversidade.
O congreso diríxese a estudantes de grao e mestrado, persoal investigador predoutoral e novo persoal investigador interesados en compartir os seus resultados de investigación e en poñerse en contacto con especialistas de outras áreas. Aínda que está orientado á xuventude da Universidade de Santiago de Compostela, tamén está aberto a participantes doutras universidades, centros de investigación e institucións.
Desde o Campus Terra explican que o principal obxectivo do congreso é «crear un ambiente de encontro entre a mocidade investigadora ibérica, presentando as súas investigacións e no que poidan xurdir diversas colaboracións».
Baixo o lema ‘Raíces do coñecemento’, o evento convértese tamén nun encontro de iniciación, divulgación e formación para as persoas aspirantes, xa sexa de grao ou de mestrado, de cara ao inicio ou á consolidación dunha carreira investigadora. Desde a organización subliñan que «as informacións e as experiencias compartidas son clave para aquelas persoas que elixen o camiño da investigación tras a fin dos seus estudos universitarios».
Cursos satélite
De forma complementaria ao programa, o congreso ofrece catro cursos satélite orientados ao desenvolvemento de competencias transversais e técnicas de interese para a actividade investigadora. Os cursos tratarán sobre análise de imaxe co software libre ImageJ, redacción científica, Deep Learning para análise de imaxes preclínicas e presentacións dixitais e comunicación oral no ámbito académico e científico.
Claves
- O congreso celébrase entre os días 21 e 23 de outubro no Campus Terra.
- A inscrición finaliza o próximo mércores 14 de outubro.
- Está dirixido a estudantes de grao e mestrado, predoutorais e novo persoal investigador.
- Presentaranse preto de 150 traballos científicos.
- Ofértanse catro cursos satélite sobre ImageJ, redacción científica, Deep Learning e presentacións dixitais e comunicación oral.