O custe laboral das empresas en Galicia aumentou un 2,8% no segundo trimestre de 2026 respecto ao mesmo período do ano anterior, ata situarse en 2.963,05 euros por traballador e mes, segundo os datos da Enquisa Trimestral de Custe Laboral publicados polo Instituto Galego de Estatística. No conxunto de España, o custe laboral alcanzou os 3.388,15 euros, cun incremento do 4%.
Do custe total, o custe salarial —que comprende salario base, complementos salariais, pagos por horas extraordinarias, pagos extraordinarios e pagos atrasados— situouse en Galicia en 2.174,28 euros por traballador e mes, un 2,9% máis que no mesmo trimestre de 2025. En España, o custe salarial creceu un 4%. Os outros custes, que inclúen principalmente as cotizacións obrigatorias á Seguridade Social e as percepcións non salariais, situáronse en 788,77 euros en Galicia, cun aumento do 2,7%, fronte ao 4,2% do conxunto do Estado, onde alcanzaron os 875,47 euros.
Por sectores de actividade, o custe laboral total aumentou nos tres grandes sectores. Na industria creceu un 2,8%, ata 3.557,12 euros por traballador e mes, co custe salarial e os outros custes tamén no 2,8%. Na construción o aumento foi do 4,6%, ata 3.336,29 euros, co custe salarial variando un 4,7% e os outros custes un 4,3%. Nos servizos o incremento foi do 2,8%, ata 2.799,32 euros, co custe salarial subindo un 2,9% e os outros custes un 2,6%.
Canto ao tempo de traballo, a xornada semanal media pactada en Galicia foi de 34,8 horas, das que se perden 5,7. Sumando as horas extraordinarias e restándolle as horas perdidas, a xornada efectiva situouse en 29,2 horas semanais en Galicia, fronte ás 29,7 de España, onde a xornada pactada é tamén de 34,8 horas con 5,2 perdidas. O custe laboral por hora efectiva aumentou en Galicia un 4,3%, ata 23,29 euros, e en España un 4,8%, ata 26,18 euros.
Se se eliminan os efectos estacionais e de calendario, o custe laboral por traballador rexistrou unha taxa do 3% respecto ao mesmo trimestre do ano anterior.
Por comunidades autónomas, o custe laboral máis elevado corresponde a Madrid, que supera en 657,22 euros a media nacional, mentres que en Estremadura é inferior á media en 637,88 euros. O custe laboral aumentou en todas as comunidades autónomas, cos maiores incrementos en Asturias (6,3%) e Cataluña (5,1%), e os menores en Estremadura (2,3%) e Navarra (2,3%).