Alumnos xogando ao baloncesto. / Marta G. Brea
Escollemos calquera serie infantil, xuvenil ou adolescente, sempre aparecían os seus protagonistas cun balón na man.
E é que case nin se concibe o recreo sen o fútbol. Os nenos pateando o balón, as nenas en corrillo ou sentadas a falar mentres moitos outros están separados ou incluso illados do resto dos seus compañeiros.
Esta concepción tradicional, arcaica e, por que non, obsoleta, dos recreos deu paso a patios dinámicos e inclusivos, onde o fútbol xa non é o rei.
Un novo modelo de recreo
«O fútbol provocábanos moitísimos, moitísimos conflitos, así que lle demos unha volta; agora os mércores xogan unha liguiña na que teñen que participar nenas e nenos, non hai gañador e deben xogar todos», explica Lorena Pose, directora do CEIP Frián-Teis.
Esta revolución no patio arrancou hai tres cursos.
Na actualidade, xogos tradicionais como o «pañuelo», o «escondite inglés», o «gato e o rato» ou o «balón prisioneiro» copan os recreos dos luns xunto con outros xogos de mesa na aula.
Os martes é a quenda do xogo libre, no que dispoñen de materiais como peonzas e outros obxectos adaptados a cada «ciclo ou idade».
Os mércores, ademais da liguiña, tamén dispoñen dun espazo maker (ferramentas e materiais para construír e crear os seus propios proxectos).
Os xoves contan cun espazo musical e os venres as peonzas e o espazo maker volven aos recreos.
Inclusión e convivencia
«Debuxar este calendario de recreo tamén foi moi beneficioso para o alumnado con necesidades educativas especiais (NEAE), como no caso de alumnado con TEA; todo está máis estruturado e saben que teñen cabida.
Todos teñen cabida nestas actividades», engade Pose.
A idea de crear estes patios inclusivos, dinámicos e cooperativos estase a estender, asegura a directora deste colexio de Teis, porque responde a «necesidades reais do alumnado» e ten un impacto moi positivo na convivencia.
Participación do alumnado
«Antes, nos recreos había unha gran conflictividade entre iguais, por iso un grupo de profesores decidiu pór en marcha este proxecto.
Agora son os propios alumnos agrupados nun Consello e con representantes de cada curso os que elixen os xogos ou actividades que lles chaman a atención ou lles interesan.
Para o ano, xa están a falar de que a liguiña sexa multideporte e non fútbol», precisa Lorena Pose.
O exemplo do CEIP Balaídos
Case na outra punta da cidade, paradoxalmente no contorno do estadio do Celta de Vigo, está o CEIP Balaídos, onde desenvolven un proxecto moi similar durante os recreos.
Rubén Molinero, director do centro educativo, celebra a mellora nas relacións entre o alumnado dende que o «fútbol non o copaba todo».
«É verdade que as instalacións deportivas invitan ao fútbol, o campo ocupa 3/4 partes do patio. Pero decidimos cambiar isto.
Un equipo de profesores envolvendo ao alumnado optou por dinamizar a zona de xogos, facela atractiva, dinámica», conta Molinero.
Así, agora o fútbol cambiouse por «lanzamentos de penaltis» e por outros deportes que «non xeran tanta conflictividade» como o balonmán, o tenis, o baloncesto, o ping-pong, etc.
«Temos unha zona á que chamamos bolboreta onde poden xogar á petanca, á corda, con aros; todo o mundo xoga a todo.
Xa non teñen que elixir a ninguén nin ninguén queda o último, xa ninguén chulea. Todos están integrados e tamén os NEAE, que estaban sempre máis dispersos», conclúe Rubén Molinero.
Únete a la conversación
Regístrate gratis con tu email para comentar en las noticias. Tu opinión importa.