O servizo de perrera da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, xestionado por Servigal desde o pasado mes de agosto, pechou setembro cun balance de 34 adopcións e 31 animais recuperados polas súas familias. Os datos proceden do informe mensual do servizo, que recolle a actividade desenvolvida no refuxio de Mougá en materia de recollida e atención de animais, promoción de adopcións, recuperación de animais perdidos e xestión das colonias felinas da comarca.
Durante setembro, o servizo recolleu 58 animais da vía pública: 34 cans e 24 gatos. A esta cifra súmanse outros 13 animais entregados directamente no centro, tres cans e dez gatos. Das entradas rexistradas no mes, 16 animais estaban identificados con microchip, ferramenta que o informe cualifica de fundamental para localizar ás súas familias e facilitar o seu regreso ao fogar.
Ao peche de setembro, o refuxio de Mougá acollía 125 animais, dos cales 72 eran cans e 53 gatos. Desde a posta en marcha da nova xestión, o número acumulado de adopcións ascende a 65.
O balance de adopcións e retornos acompáñase dun reforzo das accións de difusión dos animais que buscan fogar, con maior presenza nas redes sociais e unha estratexia de comunicación continuada para mellorar a súa visibilidade e ampliar as posibilidades de adopción.
Atención ás colonias felinas
A atención ás colonias felinas segue a ser unha das principais liñas de actuación do servizo. Durante setembro realizáronse capturas de 68 gatos no marco das intervencións desenvolvidas nestas colonias. Os traballos incluíron identificación, esterilización e atención veterinaria, así como tratamentos e seguimento dos animais que precisan coidados específicos.
O informe recolle nove animais capturados que xa estaban esterilizados e un balance de 48 animais que permanecían nas instalacións tralo intervencións do mes. Estas actuacións forman parte do traballo de control e seguimento das colonias felinas, que inclúe tamén o retorno dos animais ao seu lugar de procedencia cando as súas condicións sanitarias o permiten.
Presenza en toda a Mancomunidade
A actividade do servizo estendeuse durante setembro aos nove concellos integrados na Mancomunidade: Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño. En agosto recolléronse 80 animais da vía pública, fronte aos 58 contabilizados en setembro. No conxunto dos dous meses, o servizo suma 138 animais recollidos, dos que 91 son cans e 47 gatos.
Estes datos reflicten, segundo o informe, a importancia da coordinación cos concellos e cos servizos de Policía Local para atender as incidencias, organizar as recollidas e garantir unha resposta ás necesidades dos animais.
Fonte: Concello de Ferrol