O Concello de Ferrol puxo en marcha a campaña de Agasallos de Nadal 2027, unha iniciativa á que destinará 20.000 euros co propósito de que todos os nenos e nenas da cidade poidan recibir un agasallo o día de Reis.
O alcalde, José Manuel Rey Varela, destacou a importancia desta iniciativa para manter a ilusión dos máis pequenos nunha data tan especial e contribuír, ao mesmo tempo, a promover a igualdade de oportunidades entre os menores de familias que atravesan dificultades económicas. «Ningún neno da nosa cidade quedará sen agasallo o día de Reis grazas a esta campaña, mantendo a ilusión dos máis pequenos nesta data tan especial», afirmou.
A Xunta de Goberno Local aprobou as bases que regularán a concesión das axudas. Poderán beneficiarse da campaña os nenos e nenas empadroados en Ferrol que, na data da festividade de Reis, non cumpriran os 17 anos.
A cantía da axuda será de 50 euros por menor e farase efectiva a través dun vale, que se entregará á familia beneficiaria polo importe total da axuda concedida en función dos menores que teña, e que se poderá trocar por xoguetes, libros, roupa deportiva, artigos de deporte ou calquera material relacionado coas novas tecnoloxías nos estabelecementos comerciais ferroláns que acepten dito vale.
Se o valor dos artigos fose inferior ao dos vales, en ningún caso o comercio reintegrará a diferenza á persoa beneficiaria da axuda. O vale pode ser fraccionado, a petición da familia, sempre por un importe mínimo de 50 euros. O vale será dun único uso e nel constará a súa caducidade. A validez dos vales e a súa troca finalizará o día 5 de xaneiro.
Claves
- Poderán solicitar estas axudas os representantes legais (pai, nai ou titor/a) dos nenos e nenas que cumpran os requisitos.
- Estar empadroado/a e residir no Concello de Ferrol, cunha antigüidade mínima de seis meses.
- No caso de ser o titular da garda e custodia, convivir e estar empadroado/a cos/as menores para os que se solicita a axuda; en custodias compartidas, só se atenderá unha solicitude e terá prioridade a do proxenitor convivente.
- Os ingresos económicos da unidade familiar non deben superar os máximos establecidos nas bases.
- As instancias presentaranse no Rexistro Xeral do Concello ou por vía telemática, no prazo de 10 días hábiles a contar desde o seguinte ao da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia e no Taboleiro de edictos da Sede electrónica municipal.
- A cantía da axuda será de 50 euros por menor.
- A validez dos vales e a súa troca finalizará o día 5 de xaneiro.
Fonte: Concello de Ferrol