A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto coa directora territorial da Consellería de Sanidade, Cristina Pérez, visitou este martes o CEIP Raquel Camacho, na Coruña, e o CEIP Francisco Vales Villamarín, en Betanzos, para supervisar o desenvolvemento do programa piloto de vacinación fronte á gripe nos centros educativos e coñecer os avances na súa implantación.
No CEIP Raquel Camacho, entre o luns e este martes foron vacinados máis de 150 nenos e nenas. No Vales Villamarín de Betanzos, a xornada de vacinación iniciouse este martes e prolongarase ata mañá xoves, con previsión de vacunar a máis de 250 escolares.
A iniciativa, impulsada conxuntamente polas consellerías de Sanidade e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, comezou o pasado 13 de outubro nos colexios participantes. O seu obxectivo é facilitar a inmunización da poboación infantil, achegando a vacinación ao ámbito educativo e favorecendo a prevención das infeccións respiratorias.
Este ano o programa amplíase a un total de 75 centros educativos, 20 máis que na campaña anterior, distribuídos polas sete áreas sanitarias galegas e con presenza de contornos urbanos, semiurbanos e rurais. A previsión é chegar a 26.536 nenos e nenas, ao redor de 7.500 máis que na campaña precedente, co obxectivo de alcanzar unha cobertura infantil do 60 %.
O pasado ano, a Consellería de Sanidade puxo en marcha esta experiencia piloto, na que se administrou a vacuna intranasal a 9.668 alumnos de 55 colexios, alcanzando unha participación do 51 %.
A vacinación nos centros educativos permite facilitar o acceso á inmunización e achegar a prevención ás familias, evitando que teñan que desprazarse aos centros sanitarios para este fin. A iniciativa mantén a administración da vacuna intranasal, sen necesidade de pinchazo, para o alumnado de entre 3 e 11 anos.
Nos colexios participantes, a vacinación ofrécese de xeito voluntario. Os equipos de enfermaría das distintas áreas sanitarias desprázanse aos centros educativos para administrar as doses, unha vez que as familias entregan o consentimento informado asinado. Antes da inmunización, os profesionais sanitarios revisan a historia clínica dos menores para comprobar que cumpren os requisitos médicos necesarios.
Na área sanitaria da Coruña e Cee participan 12 centros educativos, que dan acceso á vacinación a 6.606 escolares. No concello da Coruña están incluídos o CEIP Raquel Camacho, o CEIP Eusebio da Guarda, o CEIP María Barbeito e Cerviño e o CPR Fogar de Santa Margarida. A estes súmanse o CEIP Francisco Vales Villamarín, de Betanzos; o CEIP Ponte dos Brozos, de Arteixo; o CPR Andaina e o CPR Montespiño, de Culleredo; e o CPR Fillas de Cristo Rei, de Oleiros.
Na zona de Bergantiños-Costa da Morte participan o CEIP Ramón Otero Pedrayo, da Laracha; o CEIP Fogar, de Carballo, e o CPR Nosa Señora do Carme, de Fisterra.
A visita inscríbese na campaña de inmunización fronte á gripe e a covid impulsada pola Xunta, que comezou o pasado 28 de setembro e incorpora como principais novidades a ampliación da vacinación antixripal de alta carga ás persoas de entre 65 e 69 anos e a extensión do programa piloto de vacinación escolar ata os 75 centros educativos.
Claves
- A vacuna é intranasal, sen necesidade de pinchazo, para o alumnado de entre 3 e 11 anos.
- A vacinación nos colexios participantes é voluntaria.
- As familias deben entregar o consentimento informado asinado.
- Antes da inmunización, os profesionais sanitarios revisan a historia clínica do menor.
Fonte: Xunta de Galicia