O catedrático de Fisioloxía Médica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Víctor Manuel Arce Vázquez recibiu esta semana o grao de doutor honoris causa da Academia Médica de Tbilisi (TMA), segundo informou a institución galega. A distinción recoñece a súa destacada contribución á educación médica, á colaboración científica e ao desenvolvemento internacional da TMA.
Segundo a USC, o título honorífico celebra tanto a traxectoria académica do profesor Arce Vázquez como o seu papel no fortalecemento da colaboración entre a TMA e a universidade galega. No marco desta cooperación, ambas as institucións participaron en iniciativas Erasmus+ como SAFEMED, LIFESTRAND e VITAL, orientadas ao liderado do profesorado, as competencias dixitais, a excelencia investigadora, o intercambio virtual e a mobilidade internacional.
Unha traxectoria con 75 publicacións e 17 teses dirixidas
Víctor Manuel Arce Vázquez conta, segundo os datos facilitados pola USC, con 75 publicacións en revistas indexadas no JCR, un índice h de 25, 48 libros e capítulos de libros, 17 teses de doutoramento dirixidas, 57 traballos de fin de grao e participación en 40 proxectos de investigación financiados.
Desde 2012 dirixe a Cátedra de Educación Médica da USC, desde a que contribuíu á educación baseada en competencias, á avaliación médica e á calidade educativa.
A súa colaboración coa Academia Médica de Tbilisi vai máis aló das alianzas institucionais: contribuíu á formación doutoral da institución como membro da Comisión de Doutoramento e apoiou a cooperación científica a través de proxectos como PulmoPhages e a iniciativa de divulgación científica Micro World.
No acto, a TMA explicou que esta concesión representa a celebración dunha colaboración construída sobre a excelencia académica, a innovación na educación médica, a cooperación científica e a proxección internacional.