A asociación Alume Saúde Mental e a área de Humanización do Hula serán as dúas entidades de Lugo beneficiarias da edición de 2026 de Diez Raz10nes. Apoiarán economicamente os proxectos 'Menos soidade, máis vida' e 'Murallalandia'.
En concreto, 'Menos soidade, máis vida' pretende mellorar a calidade de vida de persoas maiores (principalmente a partir de 60 anos) con trastorno mental grave, abordando dúas realidades que adoitan ir da man: a vulnerabilidade propia desta patoloxía e a soidade non desexada.
A iniciativa beneficia a unha trintena de lucenses este ano e aspira a soster rutinas, reforzar apoios e favorecer a participación social e a autonomía antes de que o illamento se cronifique.
Pola súa banda, 'Murallalandia' traballa na construción dun parque terapéutico, inclusivo e cultural no corazón do HULA, deseñado para transformar a contorna hospitalaria pediátrica deste centro sanitario. Está inspirada na muralla e quere axudar na recuperación física e emocional dos nenos hospitalizados.
A iniciativa conta coa colaboración da Fundación Breogán e da Asociación Capaces Lugo e xa recadou máis de 20.000 euros. Buscan á súa vez apoiar ao persoal sanitario e ás familias con espazos de descanso e encontro emocionalmente positivos, ademais de conectar saúde, infancia e cultura.
Os integrantes do xurado que elixiu os dous proxectos, compostos polos promotores de Diez Raz10nes e representantes de Down Lugo e Raiolas, agradeceron ás outras 12 candidatas polo seu interese e implicación. Ademais, anímanas a volver presentar as súas iniciativas.