Hospital Universitario da Coruña. / IAGO LOPEZ
Catro hospitais públicos galegos figuran no top 100 do país deste ano, segundo revela o informe publicado recentemente por Newsweek e Statista. Trátase dos complexos universitarios da Coruña (posto 27), Santiago (38), Vigo (72) e Ferrol (99), que entran no ranking en base a criterios como indicadores de calidade, seguridade do paciente, resultados clínicos, calidade asistencial, e enquisas tanto a profesionais como a pacientes.
En todo caso, ningún hospital da comunidade entra no top 100 mundial, que en total analizou máis de 2.500 hospitais públicos e privados de 32 países. Si logra, non obstante, un recoñecemento internacional o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), que conseguiu un posto na lista dos hospitais especializados mellor valorados do mundo deste ano, o número 122 na especialización en cirurxía cardiovascular.
Cómpre mencionar que, en comparación co ano pasado, a comunidade galega perdeu peso no ranking: mentres que en 2025 había sete hospitais no top 100 español, este ano son só catro, e os que se manteñen fano con postos menores —isto, en todo caso, pode deberse a múltiples factores, como cambios metodolóxicos, variacións nas enquisas ou escalada de postos doutros hospitais, e non ten por que estar relacionado cunha baixada na calidade asistencial—. Así, saen da lista o hospital privado de Ferrol Juan Cardona, que ocupaba o posto 97; así como os complexos hospitalarios universitarios de Lugo (99) e Ourense (100).
En canto ao ámbito nacional, o podio lévao Madrid, co Hospital Universitario de La Paz no primeiro posto, seguido do 12 de Octubre e o Gregorio Marañón. Estes son, precisamente, os hospitais españois mellor valorados a nivel internacional, lista na que ocupan os postos 42, 50 e 68.