O Concello de Vigo destinará 23,4 millóns de euros a Cultura no orzamento do próximo ano, 3,5 millóns máis que en 2026, o que supón un aumento do 17,5 por cento nos recursos económicos adicados á programación cultural. «A actividade de Vigo non ten equivalente en cidades do noso tamaño», afirmou este xoves Abel Caballero ao referendar a «dedicación vocacional» do goberno municipal pola promoción da cultura «porque sabemos da importancia nas raíces de Vigo».
No capítulo de museos, o Concello destinará 4.589.000 euros cun incremento do 16 por cento, equivalente a 647.000 euros. Desa partida, 800.000 euros irán para o Marco. O Museo Liste, con 137.000 euros, a Fundación Laxeiro, con 130.000 euros, e a adquisición de obra artística, con 60.000 euros, rexistrarán sendos incrementos de 10.000 euros. Súmanse 40.000 euros para a Pinacoteca, 30.000 para a colección Colmeiro, 300.000 para o programa de exposicións, 624.000 para a seguridade nos museos e 514.000 para os servizos de atención ao público. O plan de dinamización dos museos contará con 100.000 euros e os proxectos de melloras a realizar nos museos ascenden a 1.000.000 de euros.
As novas contas contemplan ademais 1.316.000 euros para as bibliotecas Neira Vilas e Juan Compañel, 57.000 euros para o programa educativo e as visitas didácticas para escolares e outros 55.000 para o cine ao aire libre e concertos.
Axudas a entidades culturais
A promoción cultural recolle unha dotación de 3.636.329 euros, cun incremento de 686.329 euros. Entre as partidas destacan os 230.000 euros que destinará o Concello á celebración en Vigo da gala dos premios MAX de teatro. O alcalde destacou tamén o apoio ás entidades culturais que promocionan a música, as artes escénicas, a fotografía, o cine e a literatura, entre outras expresións creativas.
As principais inversións en entidades serán: Bandas de música, 233.200 euros; Corais Polifónicos, 205.000 euros; Orquestra 430, 150.000 euros; Asociación Cultural Interfolc, 115.000 euros; Programación Vente con Nós, 115.000 euros; Orquestra Clásica de Vigo, Amigos da Ópera e Fundación Mayeusis, 60.000 euros cada unha; Teatro Amador Vigo, 50.000 euros; Coral Casablanca, 42.500 euros; Instituto Estudos Vigueses, Agrupación Centros Deportivos e Culturais e Concurso piano, 40.000 euros cada un; Sociedade Filarmónica de Vigo e Feira do libro, 15.000 euros; Maratón Fotográfico, Fundación Sondeseu e Concurso violín, 12.000 euros; Teatro Ensalle, Sala Ártika, subvencións a entes privados e Orquestra Clásica Infantil KV221, 10.000 euros; Festival Sinsal e Vertixe Sonora, 7.000 euros; Festival Kerouac, 5.000 euros; subvención Freaky Film Festival, 6.000 euros; e Mostra de cine de montaña cos Montañeiros Celtas, 4.000 euros. Ademais, programáronse 80.000 euros para subvencións culturais en concorrencia competitiva para entidades que organicen eventos e actividades.
Os novos orzamentos destinarán 2,1 millóns de euros a distintas programacións: 500.000 euros para o Auditorio Mar de Vigo; 501.512 para a exposición Xulio Verne; 350.000 para o programa de arte urbana, con 100.000 euros adicionais para actividades culturais deses programa; 260.000 para a programación do Auditorio Municipal; 230.000 para a programación de VigoCultura; 120.100 para a xestión do Auditorio Municipal e 40.000 para o plan de dinamización e recuperación do arquivo.
Fonte: Concello de Vigo