O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia xestionou un total de 90 incidencias relacionadas co episodio de meteoroloxía adversa, segundo informou o propio centro. Durante estas horas permanece activa a alerta laranxa por choivas no interior da Coruña, no centro e a montaña de Lugo, e nas Rías Baixas de Pontevedra.
A provincia máis afectada polo temporal é ata o momento Pontevedra, con 35 incidencias rexistradas, seguida da Coruña, con 22 avisos. Lugo suma 20 incidencias e Ourense contabiliza 12.
Entre os concellos máis afectados destaca Foz, na provincia de Lugo, con 10 incidencias xestionadas. Segúnoa Santiago de Compostela e Vigo, con 5 casos cada un; A Guarda, con 4; e Ponteareas e Rianxo, con 3 incidencias rexistradas.
As actuacións máis frecuentes dos servizos de emergencias estiveron vinculadas a incidencias de circulación nas estradas. Destacan a presenza de restos de accidentes e obxectos varios na vía (15), a caída de árbores e pólas (12), o desprendemento de terra ou pedras (7) e a formación de bolsas de auga nas estradas (5). Ademais, contabilizáronse 8 inundacións en vías de circulación e 7 en vivendas. Os servizos de emergencias tamén realizaron 11 intervencións adicadas á prevención de riscos.
Incidencias destacadas
Entre os sucesos de maior gravidade rexistrados destaca a afectación dunha persoa por un raio en Xermade. Ás 15:15 horas, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha quedou aturdida. Tras avisar o 061, á Garda Civil e a Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
Ás 10:55 horas alertouse dun incendio nun convento da rúa Fornelos, en O Rosal, provocado pola caída dun raio. O impacto alcanzou a base dunha cheminea e danou un tubo de gas que comezou a arder. Interviñeron os Bombeiros de O Porriño, o GES de A Guarda, a Garda Civil e Protección Civil. Só houbo danos materiais.
Ás 13:50 horas recibíuse o aviso da caída dun raio nun transformador próximo a unha vivenda no lugar de As Casas Novas, en Brigos. Varios cables comezaron a arder e a instalación eléctrica da vivenda botaba fume. O raio afectou directamente ao cadro eléctrico da vivenda, con danos na instalación eléctrica e na de gas. Non houbo danos persoais.
Ás 16:55 horas avisouse dun desprendemento de terra e pedras na estrada LU-151, entre os quilómetros 1 e 2, ao seu paso por Faxouro (Foz). Os restos ocuparon ambos carrís e a circulación quedou completamente interrompida, sen accidentes de tráfico por mor do incidente.
Fonte: Axega — 112 Galicia