A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, participou este mércores no acto de inauguración das obras de rehabilitación integral do IES Lucus Augusti, unha actuación impulsada pola Consellería de Educación que supuxo un investimento total de 3,8 millóns de euros.
Candia agradeceu á Consellería de Educación o investimento realizado neste centro, que cualificou como «un acto de xustiza» cunha institución como o Lucus Augusti, polo seu peso no ámbito educativo da cidade e de Galicia.
A alcaldesa tamén puxo en valor a colaboración do equipo directivo do instituto, tanto por permitir o uso compartido das instalacións deportivas como pola xenerosidade coa que se facilitou o uso compartido do aparcamento, unha medida que, segundo destacou, deu «osíxeno» a unha zona da cidade con importantes necesidades de estacionamento.
Unha reforma integral de todo o edificio
A rehabilitación integral permitiu actuar sobre diferentes elementos do edificio, entre eles o illamento térmico exterior, a carpintaría exterior e interior, as instalacións eléctricas e de iluminación, os falsos teitos, os pavimentos, a impermeabilización, a accesibilidade, os baños, os laboratorios e o salón de actos, así como sobre as instalacións de calefacción, electricidade e telecomunicacións.
As actuacións tamén melloraron a eficiencia enerxética do centro, cunha redución do 30,60 % no consumo de enerxía primaria non renovable, pasando da cualificación C á B, e unha mellora do 41,20 % nas emisións de CO₂, pasando da cualificación D á B.
Elena Candia sinalou que a finalización da rehabilitación debe ser o punto de partida para novos retos e brindou a colaboración do Concello para futuros proxectos.
Fonte: Concello de Lugo