O proxecto “Comedores Responsables KM 0” consolidouse como unha iniciativa de referencia en Galicia para promover unha alimentación máis saudable, sostible e de proximidade nos centros colectivos. Desde o seu lanzamento, a iniciativa conseguiu a participación de 57 centros educativos, residencias, vivendas comunitarias e un servizo de catering, sumando a máis de 110 profesionais e empresas do tecido produtivo.
Impulsado por oito Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, o programa segue acompañando aos profesionais responsables dos servizos de comedor e á rede de provedores locais na súa adaptación aos novos retos da alimentación colectiva.

O reto da alimentación nas persoas maiores
A nutrición nos centros residenciais é un dos factores máis determinantes para preservar a saúde, a autonomía e a calidade de vida das persoas maiores. Neste contexto, a incorporación de alimentos frescos, de tempada e de proximidade, adaptados ás necesidades nutricionais de cada individuo, representa un dos grandes desafíos da restauración colectiva actual.

Para facilitar esta transición, a iniciativa desenvolveu formacións específicas en diferentes residencias galegas, aportando ferramentas prácticas que favorecen o intercambio de experiencias entre os profesionais do sector.
Nesta primeira fase, o proxecto traballou directamente con sete centros de atención a persoas maiores, distribuídos en seis concellos das provincias de Ourense, Lugo e Pontevedra. Estas localidades suman unha poboación de referencia de máis de 232.000 habitantes, o que permitiu aplicar a iniciativa en realidades territoriais diversas, tanto urbanas como rurais.

As actuacións leváronse a cabo en centros de diferentes dimensións e modelos de atención, abrangue unha capacidade potencial conxunta de máis de 350 plazas residenciais. Durante as sesións formativas abordáronse cuestións clave como o abastecemento de proximidade, a seguridade alimentaria, a planificación de menús e a integración do produto local.

Anticipación á nova normativa
O proxecto adquire unha relevancia especial no actual contexto lexislativo. No ámbito educativo, o Real Decreto 315/2025, publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE) o 16 de abril de 2025, fixou os criterios mínimos de calidade nutricional e sustentabilidade que deben cumprir os comedores escolares a partir do 16 de abril de 2026. Esta normativa promove unha maior presenza de alimentos frescos e ecolóxicos, limita os ultraprocesados e impulsa a redución do desperdicio alimentario.
Paralelamente, o Goberno de España está a traballar nunha normativa específica para trasladar estes mesmos principios aos servizos de alimentación de hospitais, residencias de maiores e outros centros que atiñen a persoas dependentes ou con necesidades especiais.