Non hai tregua na Primeira Futgal. As batallas polo ascenso e o descenso preséntanse a cara de can no tramo decisivo da tempada.
Comezamos pola zona alta. Un dobrete de Chiki permitiu ao Residencia regresar á senda da vitoria. Nun encontro de poder a poder e con escasas ocasións; o capitán branquiazul impuxo a súa lei, con cadanseus goles ao final de cada parte. Deste xeito, o cadro de Rafa Casanova pon fin a unha serie de tres xornadas sen gañar.
Un Ribadeo moi superior mantén a terceira praza despois de golear ao Oural. O equipo de Jorge González aguantou as acometidas mariñás pouco máis de media hora. Roi Campos desfixo a igualdade e deixou o protagonismo a Iñaki, que cunha parada espectacular conservaba o 1-0 ao descanso. Na reanudación, Mario marcou nada máis saír de vestiarios e encamiñou un triunfo no que Castrín tamén deixou a súa pegada.
O Atlético Escairón pon a mirada no play-off tras golear a domicilio ao Foz (0-4). Ambos conxuntos xeraron perigo nunha primeira parte moi igualada que se resolveu cun gol de Noureddine sobre a bucina. Este tanto fixo mella nos focenses, que no segundo tempo non lograron recompoñerse. Aí, un Escairón letal selou o triunfo con tres goles máis.
Omar Gómez (Atlético Escairón): "Matamos o partido na segunda parte con tres goles en transicións tras roubo"
O mesmo resultado, 0-4, rexistrouse no enésimo derbi da Ulloa entre Taboada e Monterroso. A expulsión do taboadés Adrián antes dos dez minutos de xogo facilitou a tarefa dos de Fernando Sánchez. Héctor brillou con luz propia e liderou a vitoria monterrosina cun hat trick na Medela.
Fernando Sánchez (Monterroso): "O crecemento individual e colectivo do equipo está sendo brutal nestas dúas tempadas"
Na zona baixa, o Xove Lago encadeou o seu terceiro triunfo ante un rival directo na loita pola permanencia. O Chantada Atlético viviu unha tarde para esquecer e viuse superado en todo momento tanto en ganas como en intensidade. Dous goles en cada unha das partes envían aos de O Sangoñedo a postos de descenso mentres que permiten aos de Rubén Sanjurjo 'Piru' respirar aire fresco na clasificación moitas semanas despois.
Rubén Sanjurjo 'Piru' (Xove Lago): "Estes xogadores do Xove Lago merecen un monumento por todo o que están facendo"
O Iberia logrou tres puntos tan fundamentais como insuficientes para abandonar o descenso cos resultados rexistrados nesta xornada. O equipo de Moro remontou un partido completamente tolo en Castro e no que ambos conxuntos sufriron por momentos nas dúas áreas. O cadro de Dumi desperdiciou unha vantaxe de 2-0 na primeira metade ante un Iberia que nunca se rendeu. Marcos Pernas rubricou un dobrete e Iván García levou o triunfo para San Miguel de Reinante desde os once metros. A expulsión do local Muiña na segunda metade condicionou en exceso a un Castro cheo de baixas.
Ademais, o Brollón encaixou unha clara derrota na súa visita á Peroxa. O equipo de José Manuel Rodríguez non deu opción algunha ao conxunto de Os Medos nun partido marcado pola sinalización dun penalti moi rigoroso por man. O cadro de Chura tivo algunha tímida opción para empatar posteriormente, sen sorte ningunha. E a Peroxa acabou goleando.
O Lourenzá deixou os tres puntos en Santa Cruz tras gañar pola mínima a unha combativa Milagrosa. Un solitario gol de Yago, nunha falta lateral mediada a primeira metade, decidiu un duelo con moita intensidade e poucas oportunidades de gol.
O Outeiro de Rei remontou na casa ante un Racing Villalbés B que se fixo forte nas segundas xogadas no primeiro tempo. Navia empatou antes do descanso. E Ily asinou o 2-1 definitivo nunha segunda metade na que os pupilos de Fernando Corredoira foron moito máis verticais e incisivos.
Por último, o líder segue ao seu. O Chantada sumou tres novos puntos ante un Santaballés que xerou algúns problemas na primeira metade coa súa presión alta.