O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este mércores que a grada de Tribuna do estadio de Balaídos pasará a denominarse Tribuna Iago Aspas, en homenaxe ao futbolista do Real Club Celta. A decisión responde, segundo o rexedor, á traxectoria deportiva do xogador e á súa vinculación coa cidade.
«Despois de que moita xente me pediu que lle dedicase unha grada ao seu nome e tivese o nome de Iago Aspas, tomei a decisión de que a grada de tribuna se vai chamar grada de tribuna Iago Aspas», explicou Caballero, quen destacou a relevancia deportiva do xogador e a súa condición de referente para a cidade.
O alcalde expuxo tres motivos para escoller esta grada. En primeiro lugar, Tribuna xa está operativa, polo que a nova denominación poderá aplicarse de xeito inmediato. En segundo lugar, coa futura ampliación prevista no proxecto de transformación de Balaídos para o Mundial de 2030, converterase na grada de maior capacidade do estadio.
O terceiro motivo é a proximidade á futura escultura de Iago Aspas, que o Concello instalará no exterior de Balaídos, na confluencia das gradas de Tribuna e Marcador. «E terceiro e moi importante é que ao lado da grada de tribuna vai ir a escultura que o Concello vai poñer a Iago Aspas alí diante. Polo tanto, todo encaixa», sinalou Caballero, quen subliñou que ambas iniciativas permitirán vincular a homenaxe ao xogador a un mesmo espazo do estadio municipal.
O Concello xa convocou o concurso de ideas para o deseño e realización desta escultura, unha homenaxe que o futbolista aceptou o pasado mes de abril.
Caballero adiantou que solicitará a conformidade do futbolista e do Real Club Celta antes de formalizar a nova denominación. «Pedirémoslle a conformidade a Iago. Pedirémoslle a conformidade ao Celta de Vigo», explicou, ao tempo que anunciou que asinará de xeito inmediato o decreto para que a grada pase a levar o nome de Tribuna Iago Aspas.
Fonte: Concello de Vigo