A Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acollerá do 13 ao 16 de outubro os congresos internacionais 4th European Sample Preparation Conference (EuSP2026) e 3rd Green and Sustainable Analytical Chemistry Conference (GSAC2026), que se desenvolverán de forma conxunta e abordarán os últimos avances en preparación de mostras e química analítica verde e sostible.
O encontro reunirá preto de 300 participantes entre persoal investigador, profesorado universitario, estudantes de doutoramento e profesionais do sector, con especialistas de universidades, centros de investigación e empresas procedentes de 25 países europeos e doutros continentes, ademais dunha importante representación española, con máis de 15 universidades españolas.
A organización está impulsada polo Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnologías Ambientais (CRETUS) da USC e liderada pola catedrática de Química Analítica María Llompart e a doutora María Celeiro, xunto con Thierry Dagnac, de AGACAL-CIAM (Xunta de Galicia), e a catedrática Elia Psillakis, da Technical University of Crete, que participa como directora honoraria. No comité organizador participa tamén persoal investigador das tres universidades galegas, así como de centros de referencia en Galicia como o CIAM e o INTECMAR. A organización conta ademais co apoio de máis dunha vintena de sociedades científicas estatais e internacionais e empresas do sector.
As sesións científicas tratarán os principais avances en preparación de mostras, técnicas de extracción e microextracción, novos materiais, miniaturización, sensores e análisis in situ, con aplicacións que abranguen desde o medio ambiente e o ciclo da auga ata a seguranza alimentaria, a saúde e a industria. O programa prestará especial atención a retos emerxentes como a contaminación por microplásticos e a detección de substancias complexas como os compostos perfluorados (PFAS), ademais de novas estratexias para a obtención de extractos bioactivos e avances en aplicacións clínicas e cosméticas.
Tamén se abordarán as estratexias destinadas a avaliar e mellorar a sostibilidade dos métodos analíticos, mediante o desenvolvemento de novos disolventes e materiais, a redución de residuos e do consumo de recursos, e ferramentas para medir a pegada ambiental dos procedementos analíticos.
O programa contará coas conferencias plenarias de Elia Psillakis (Technical University of Crete) e Jared L. Anderson (Iowa State University, EE.UU.). Tamén destaca a presenza de Stig Pedersen-Bjergaard, da University of Oslo; Bulat Kenessov, da Al-Farabi Kazakh National University; Marek Tobiszewski, da Gdańsk University of Technology; Valérie Pichon, da Sorbonne University, e Torsten C. Schmidt, da University of Duisburg-Essen. Entre o persoal científico español figuran Ana María García Campaña, vicerreitora da Universidade de Granada e vicepresidenta da SECyTA; Amadeo R. Fernández-Alba, director do Laboratorio de Referencia da UE para o control de residuos de pesticidas durante máis dunha década, e Soledad Cárdenas, coordinadora das dúas redes temáticas nacionais sobre preparación de mostras.
O programa combinará conferencias, comunicacións orais, sesións específicas para novos investigadores, sesións de pósteres e presentacións de empresas, ademais de actividades sociais. Desde a organización esperan que o congreso contribúa a presentar os avances científicos máis recentes, impulsar novas colaboracións e proxectos internacionais e favorecer o intercambio entre persoal investigador consolidado, novos científicos e empresas.