O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, reunido este xoves, aprobou a creación da Cátedra de Memoria Democrática da USC co apoio do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática. Na mesma reunión coñeceu os detalles dunha estratexia integral para un uso responsable da intelixencia artificial.
A iniciativa sobre IA combina un regulamento de aplicación xeral cun plan de formación para a comunidade universitaria, o Plan FIAR (Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable). Segundo a proposta, a USC situaríase entre as iniciativas máis completas e sistemáticas desenvolvidas polas universidades españolas: mentres boa parte das institucións conta con guías, recomendacións, instrucións ou directrices centradas en ámbitos específicos, a USC propón un marco normativo transversal acompañado dunha estratexia institucional de formación, implantación, seguimento e actualización.
Tanto o regulamento como o plan aprobaranse, tras ser debatidos na reunión deste xoves, nunha próxima sesión do Consello de Goberno.
En canto á Cátedra de Memoria Democrática, os seus obxectivos serán desenvolver a cooperación entre a institución compostelá e a Secretaría de Estado de Memoria Democrática, proxectar actividades dentro e fóra dos campus universitarios para enlazar cun amplo conxunto de demandas sociais e políticas en torno ao recoñecemento da memoria democrática, e favorecer a difusión e o avance do coñecemento histórico sobre temas e problemas que afectan á cultura cívica e histórica da sociedade española.
Unidades docentes do grao en Medicina
O Consello de Goberno deu tamén o visto e prace ao regulamento de funcionamento das unidades docentes do Grao en Medicina, conforme ao acordado no convenio para a descentralización da docencia do título. Créanse así as unidades docentes dos hospitais universitarios CHUAC e CHUVI, como unidades funcionais encargadas de coordinarse cos departamentos implicados na docencia descentralizada do grao e coa Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC.
Formarán parte destas unidades o profesorado que imparta a docencia descentralizada: o profesorado con praza vinculada e asociado de Ciencias da Saúde (PACS) pertencente á USC e á universidade á que estea vinculado o hospital (UDC no caso do CHUAC e UVigo no do CHUVI), e o resto do profesorado da universidade local que teña atribuída docencia nas materias que se impartan. Se ese profesorado non fose suficiente, cada unidade docente deberá elevar unha proposta de novas prazas docentes, que serán convocadas equitativamente pola USC (50%) e pola universidade local (50%).
Entre outros asuntos tratados na reunión figuran o Regulamento de Transformación Dixital, Administración Electrónica e Desenvolvemento TIC, a modificación do Regulamento de xestión orzamentaria, a proposta de sexenios de profesorado contratado, as prórrogas de contratos de profesorado asociado, a adscrición dunha investigadora no marco do Programa Oportunius e o apoio á futura incorporación á USC de persoal investigador RyC2021, RyC2022 e RyC2025.