A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, destacou este 30 de setembro de 2026 en Vilanova de Arousa (Pontevedra) que a concesión autorizada pola Xunta de Galicia para a ocupación de 1.300 metros cadrados do domínio público marítimo-terrestre (DPMT) permite desbloquear o proxecto de construción do colector das Valiñas, unha peza imprescindible para avanzar na mellora do saneamento de Vilanova de Arousa e Cambados.
O proxecto levaba paralizado seis anos pola negativa de Costas do Estado a autorizar a ocupación necesaria para a execución do colector, a pesar de que a iniciativa contaba cun informe favorable do Servizo Provincial de Costas da provincia. Así o lembrou a conselleira durante a visita á zona, na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández.
Segundo indicou a conselleira, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, ao amparo da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral e unha vez feito efectivo o traspaso de servizos e funcións por parte do Goberno central, retomou a tramitación e resolveu a concesión en pouco máis de seis meses.
A concesión autoriza a ocupación de 508,23 metros cadrados de DPMT en Vilanova de Arousa e 792,40 metros cadrados en Cambados. A Xunta continuará coa tramitación correspondente para que, en colaboración cos concellos, as obras comencen canto antes.
A actuación, que supera os 5 millóns de euros de inversión prevista, inclúe a renovación do colector litoral que canaliza as augas fecais desde Vilanova de Arousa cara á estación depuradora de augas residuais de Tragove, en Cambados, reducindo de xeito moi significativo o volume e o número de vertidos á ría. Tamén se acometerá a mellora das estacións de bombeo e a construción dun novo tanque de tormentas.
O obxectivo da actuación é reducir os vertidos, mellorar o saneamento e garantir unha maior protección para a ría de Arousa, ademais de dar servizo a unha poboación estimada de preto de 11.700 habitantes no ano horizonte 2044.
Ánxeles Vázquez subliñou que o proxecto é exemplo da axilidade administrativa que supuxo para a Comunidade que o Goberno galego exerza xa de forma directa a xestión plena do seu litoral, así como do compromiso de apoiar os concellos no exercicio das súas competencias en materia de saneamento. A actuación supón un impulso ao saneamento integral da ría de Arousa, contorno de especial relevancia ambiental, social e económica, e é clave tanto para a protección do medio ambiente e da saúde pública como para a pesca, o marisqueo, a acuicultura e o turismo.
Fonte: Augas de Galicia