As escavacións realizadas este verán na Cova de Eirós, no lugar de Cancelo do concello lucense de Triacastela, e en Monte Penedo permitiron ampliar os períodos de ocupación humana das covas e certificar que foron usadas como lugares de enterramento. Estes son algúns dos resultados máis destacados da campaña de 2026, desenvolvida por membros do grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da USC, do Institut Català de Paleocologia Humana i Evolució Social-CERCA de Tarragona, da Universitat Rovira i Virgili e da Universidade de Oviedo, ao abeiro do convenio coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.
Neandertais máis antigos na Cova Eirós
As escavacións na Cova Eirós achegaron novos materiais arqueopaleontolóxicos das ocupacións paleolíticas no sector da entrada. No nivel do Paleolítico medio (Nivel 4) axudan a afondar no coñecemento sobre os neandertais que habitaron as Serras Orientais fai máis de 45.000 anos. Estes grupos utilizaron a cova como campamento durante tempadas relativamente longas, e por iso é o nivel con maior cantidade e densidade de restos arqueolóxicos: lascas, raspadores e os restos da súa manufactura, así como restos da fauna que consumían e cazaban (certos, cabalos, bisontes) nos vales próximos. Nas últimas campañas está a escavarse un fogar cuxo foco está protexido e delimitado por pedras, xunto con concentracións de carbóns e restos queimados, achados que robustecen o carácter de campamento de longa duración do nivel 4.
Nesta campaña comezou a escavación dun novo nivel do Paleolítico medio, o Nivel 5, que confirma a presenza de ocupacións neandertais máis antigas na cova. A diferenza do nivel superior, a concentración de artefactos é menor, destacando ferramentas fabricadas en cuarcos locais. «O novo nivel podería corresponderse cos restos deixados por estes grupos durante estancias de curta duración desenvolvidas na entrada da Cova Eirós», explican os investigadores.
Enterramentos da Idade do Bronce
As intervencións nas covas de Monte Penedo, veciñas da Cova Eirós, descubriron varios restos humanos que certifican o uso funerario destas covas por parte dos grupos da Idade do Bronce. na Gruta dos Bloques recuperáronse máis de 50 restos óseos, a maioría costelas e falanxes, pero tamén restos das extremidades (fémur, úmero). O estudo antropolóxico, realizado por Marina Lozano no IPHES-CERCA, indica que pertencen a un único individuo infantil de entre 6 e 8 anos de idade. Asociados aos restos humanos recuperáronse tamén fragmentos cerámicos decorados que remiten a momentos da Idade do Bronce.
Por outra banda, na escavación da cata da entrada da Cova das Cabras identificouse unha falanxe do pé pertencente a un individuo adulto, pero sen airo asociado. As datacións radiocarbónicas dos restos humanos destes dous xacementos enmarcan estes enterramentos en momentos avanzados da Idade do Bronce (3300 anos BP; 1600-1500 a.C.). Os investigadores sinalan paralelos próximos nos enterramentos da Cova de Valdavara (Becerreá) ou da Cova do Santo (Rubiá).
Segundo os investigadores, «os achados amosan a importancia das covas para estas comunidades, non só como lugar de hábitat, senón como espazos funerarios, á vez que achegan novos datos para entender a variabilidade das prácticas funerarias da Idade do Bronce no Noroeste, nun momento no que noutros lugares de Galicia enterraban en cistas, pequenos túmulos ou aproveitando antigos monumentos megalíticos».