Un intre do encontro / Iñaki Osorio / Roi Cruz
O campus de Ourense non se queda de brazos cruzados ante esta fenda de xénero tan marcada nas enxeñarías, e leva traballando en campañas e iniciativas de promoción das carreiras STEM entre as mulleres case desde que existe esa fenda. Claro exemplo diso é «Exxperimenta en femenino», a feira tecnolóxica que organizan desde hai nove anos para visibilizar o talento que hai tanto nas investigadoras como nas alumnas deste tipo de titulacións.
Por outra banda, a UVigo celebrou onte no Edificio Politécnico un evento polo 8M, destinado a pór en valor o papel de moitas mulleres no sector tecnolóxico. Organizado xunto co Google Developer Group de Ourense (unha comunidade mundial de apaixonados polas tecnoloxías con presenza na provincia), o encontro trouxo a Rocía Mojica, enxeñeira investigadora en Gradiant e membro de #WomensTechmakers, que destacou o pouco protagonismo que tiveron as mulleres no mundo das probas: «Durante moitísimos anos houbo experimentos que non tiveron en conta ás mulleres. Por exemplo, os manequíns dos cintos de seguridade, que aínda máis de 100 anos despois de que a esposa de Karl Benz fixese a primeira viaxe en coche, aínda se fabrican con modelos de home».
Por outra banda, María Lourdes Borrajo, coordinadora do grao en Intelixencia Artificial, sinalou que «as mellores solucións, polo menos no ámbito industrial, xorden cando pensan homes e mulleres xuntos. Temos unha anatomía e unha maneira de enfocar as cousas diferente, e son necesarias todas as visións para non esquecerse de nada nunha solución». Por último, Josefina Alonso Mocelo, consultora e directora de operacións de Dihgigal, destacou os novos perigos que pode causar unha tecnoloxía innovadora inmersa nunha fenda de xénero: «Na intelixencia artificial, un sesgo de xénero pode ser dramático: se os datos ignoran ás mulleres, os algoritmos tamén poden ignoralas ou mesmo penalizalas».
Únete a la conversación
Regístrate gratis con tu email para comentar en las noticias. Tu opinión importa.