A escritora ferrolana Paula Núñez, coñecida nas redes como @paupoesia_, dá o salto ao papel coa publicación de Te echo de menos. Ven y hazme poesía (Hércules de Ediciones, 2026). O poemario, que recolle unha selección dos versos que a converteron nun referente en Instagram con miles de seguidores, presentarase oficialmente o próximo 26 de xuño ás 20:00 horas no Daji Room (rúa Plá e Cancela, 6, A Coruña).
No acto, a autora estará acompañada pola escritora Silvia Salgado e pola editora Laura Rodríguez Herrera, que conversarán con ela sobre o proceso creativo dunha obra que nace como resposta ao apoio da súa comunidade literaria dixital.
Da pantalla ao papel
Aínda que este é o seu debut en formato físico, a traxectoria de Paula Núñez (Ferrol, 1977) na escritura abarca máis de dúas décadas. A súa andadura dixital comezou en 2010 co blog BELASABELA, onde durante anos compartiu reflexións sobre literatura, viaxes e maternidade. En 2016, deu o salto a @paupoesia_, o seu actual proxecto de fotopoesía, onde entrelaza os seus versos coa fotografía para explorar emocións universais como o amor, a fragilidade, a soidade e a maternidade.
“A resposta do público e do meu círculo literario foron os principais impulsores para reunir parte da miña obra poética neste primeiro libro”, afirma a autora.

Unha voz literaria en constante formación
Licenciada en Empresas e Marketing, e con formación de postgrao en Poética e Escritura Creativa, Núñez compaña actualmente a súa carreira literaria cun doutoramento en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, ademais de coordinar varios clubes de lectura. A figura feminina é o eixo central da súa obra, desde unha voz íntima e sinxela que sublima en palabras as experiencias cotiás, os silencios e as raíces galegas que definen a súa identidade.
“Este poemario é un refuxio para todas esas emocións que quedaron caladas, sen dicir, sen sentir, sen amar, gardadas en tantos silencios. Un baile polo amor, a felicidade, a perda, o medo, roturas, feridas e costuras que nos deixaron e deixadas.”
Con este libro, a escritora ferrolana invita ao lector a unha viaxe emocional onde é fácil recoñecerse e atopar un punto de unión coa propia vida.