CONTIDO:
As pegadas da emigración galega saen á luz en canto se escarva un pouco na historia de América. Os ecos das vidas dos centos de milleiros de galegos que deixaron a súa terra para buscar unha vida mellor ao outro lado do Atlántico resoan desde Nova York ata Bos Aires, pasando por Río de Xaneiro ou A Habana.
O fútbol, como espello da sociedade, tampouco escapou á tendencia dos galegos por se meter nas historias dos países aos que chegaban. Ese foi o caso de Pepe Macía, o único galego con dous mundiais de fútbol no seu palmarés. Gañados, iso si, coa camiseta de Brasil xunto ao seu amigo Pelé, compañeiro tamén no todopoderoso Santos de mediados do século XX.
Unha viaxe sonora pola emigración galega
A historia de Pepe Macía é a protagonista do primeiro episodio de Correntes do Atlántico, un podcast que, en formato documental, rescata as vidas de emigrantes galegos en Brasil.
Unha viaxe sonora con cinco paradas noutras tantas cidades dun país no que a memoria desa Galicia emigrante asoma polas rúas de Salvador de Bahía, a praia de Copacabana ou, incluso, pequenas cidades perdidas entre o Amazonas e o Atlántico como Itacaré.
O partido de Riazor e o regreso ás orixes
Un partido xogado na Coruña en 1959 simboliza á perfección esa tendencia dos galegos por filtrarse na historia inmortal de América. No campo de Riazor, o Santos de Pelé contra o Botafogo de Garrincha.
Dous dos mellores equipos do mundo adestrados por dous descendentes de galegos, Lula e Joao Saldanha, respectivamente. Pero a estrela naquel torneo Teresa Herrera non foi nin Garrincha nin Pelé. Foi Pepe Macía, fillo de galegos chegados a Santos desde Verín.
Pepiño na casa e O Canón da vila para toda a cidade; un alcume en honra á súa potente zurda que pervive, máis de medio século despois, na memoria dos seguidores santistas.
A carreira de Pepe Macía e a súa ligazón con Galicia
Macía está considerado un dos mellores xogadores da historia de Brasil. Conta cun palmarés difícil de igualar. Dous mundiais (1958 e 1962), dúas Intercontinentais, dúas Libertadores, campionatos paulistas, brasileiraos…
Todo o que nese momento estivo ao alcance do seu Santos, a única camiseta que vestiu na súa vida xunto coa da selección brasileira. Un one club man que formou parte dunha dianteira mítica que recitan de memoria os seguidores que peitean canas dun dos clubs máis laureados de Brasil, hoxe en horas baixas.
Pero Pepe ten clara a resposta se se lle pregunta hoxe por cal é o recordo co que se queda dos seus recentemente estreados 91 anos (cumpriunos o pasado xoves). Elixe aquel 22 de xuño de 1959, o día daquel partido na Coruña.
E non o fai polos dous goles nin pola vitoria. Faino porque lle deu a oportunidade de cruzar Galicia para chegar a Verín e coñecer á súa avoa. A viaxe de volta á casa que ningún dos seus pais puido completar.
Unha publicación compartida de Dona Lola Producións (@dona.lola.prod)
Lembranzas familiares e legado da diáspora
«Coñecín a Pepe na súa casa de Santos. É todo un museo á súa vida profesional como futbolista. Trofeos, camisetas, recortes de prensa… De feito, ten anotados en cadernos vellos todos e cada un dos seus partidos, coas aliñacións e os máis de 700 goles que marcou.
Pero a Pepe dáballo igual todo iso, só quería amosarme a foto coa súa avoa paterna Elvira o día que puido ir coñecela á aldea de Mandín«, explica Fernando Mahía, creador e director de Correntes do Atlántico, un podcast de Dona Lola Producións que xa pode escoitarse nas principais plataformas de audio.
Cando chegou a Mandín, os veciños nada sabían de que o neto de Elvira era un dos mellores xogadores do planeta, todo un bicampión mundial. Tampouco a súa familia, como conta a súa curmá Hermelinda Macía.
«Que xogaba ao fútbol si. E moi ben. Pero de que era campión do mundo, nunca soubemos», relata. Unha desconexión entre ambas beiras do océano propia doutros tempos que fixo que José e Clotilde, os pais de Pepe, nunca regresaran a Galicia.
Unha volta que si completou Pepe en honra aos seus pais e que quedou inmortalizada nunha foto que, aos seus 91 anos, Pepe Macía garda como o seu ben máis prezado.
A exitosa carreira de Pepe Macía é unha das páxinas máis luminosas da historia da diáspora en Brasil, país no que a palabra «galego» serve para nomear a aqueles de pel pálida e cabelo louro.
Un país onde acabaron idealistas como Pepe Velo e o seu soño de liberar de ditaduras a península ibérica. Onde se perdeu coas súas redes de pesca Laureano Graña creando dous homes para un mesmo nome.
No que as historias das mulleres, sustento de familias e rescatadoras da memoria, viviron a súa historia silenciada por un mundo de homes. Ou no que personaxes como Chico Recarey tocaron o ceo empresarial e social de Río para acabar, máis tarde, sendo un proscrito dunha cidade na que chegou a ser rei do Entroido.
Todas estas vidas son recuperadas por Correntes do Atlántico a través de cinco episodios que percorren as rúas do barrio de O Pelourinho en Salvador de Bahía, o paseo de Copacabana en Río de Xaneiro, as praias de Itacaré, o cemiterio de Gethsemani en Sao Paulo ou o porto de Santos, ao que chegaron os pais de Pepe Macía nos anos 30 do século XX procedentes do porto de Vigo.
José e Clotilde coñecéronse en Santos e en 1935 tiveron ao seu fillo Pepiño, que recibiu nun dos seus primeiros aniversarios unha pelota de cores. O primeiro paso na historia de, probablemente, o mellor futbolista que deu a diáspora galega.