Tanxugueiras, no Coliseum, no 2023. / Casteleiro/Roller Agencia
As galegas Tanxugueiras celebran neste 2026 o seu décimo aniversario como grupo e van facelo con dobre festexo. Por unha banda, anuncian que actuarán no Coliseum da Coruña e, por outra, adiantan que ao longo deste ano sacarán novo disco. Xa teñen decidido o nome: «O cuarto».
Ese é o seu número tamén despois dos álbums «Tanxugueiras», «Contrapunto» e «Diluvio». Este último -que estivo no top dos máis vendidos no seu lanzamento- fora publicado no 2022, xusto despois do éxito colleitado pola súa participación no Benidorm Fest daquel ano onde case logran ser as representantes españolas en Eurovisión. Lembremos como soubemos despois que persoas do xurado tiñan certa amizade coa contrincante Chanel.
Tanxugueiras, no Intercéltico de Moaña. / Diego Seixo
O álbum está producido por Iago Pico (que tamén producira «Diluvio») e o lucense Gabi Fernández. Na nota remitida pola súa oficina representante, sinalan que Aida, Sabela e Olaia evolucionan cara «unha proposta máis madura». Tamén indican que «reafirman o seu compromiso coa lingua e o folclore galego» que seguen a ser os «alicerces esenciais» da súa identidade.
Este cuarto disco van desvelalo en directo o 17 de outubro no Coliseum da Coruña. Será o seu único concerto en Galicia este ano. As entradas estarán á venda este mércores 4 de marzo a partir das 12.00 horas na web oficial de Tanxugueiras.
O emblemático lugar garda un oco especial no corazón do grupo xa que no 2023 fixeron historia ao se converteren nas primeiras artistas galegas en colgar o cartel de todo vendido no recinto. Alí, chegaron a reunir a case 9.000 persoas que asistiron ao peche da xira «O derradeiro diluvio».
Deste xeito, Tanxugueiras quere volver a ese lugar especial para celebrar os seus dez anos, para lembrar o vivido nesta década, pero tamén «para marcar o comezo dunha nova etapa», sinalan.