Unha tese doctoral defendida e publicada no Programa de Doutoramento en Historia, Xeografía e Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela (USC) pon o foco nun dos elementos máis esquecidos da historiografía musical galega: a percusión tradicional. O traballo, titulado ‘O ruído: a percusión como acompañamento da gaita na Galicia do S. XX. instrumentos, intérpretes e padróns rítmicos’, foi realizado polo músico e investigador Cristian Silva Bóveda e dirixido polo profesor Francisco Javier Garbayo Montabes.
A investigación analiza a evolución deste patrimonio desde unha perspectiva etnolóxica, técnica e histórica, e nace para cubrir un baleiro: aínda que os instrumentos de percusión foron o eixo vertebrador do ritmo nas romarías e festas, foron «historicamente menosprezados e os seus intérpretes relegados a un plano subalterno», segundo o autor.
Invisibilización histórica e fenda salarial
O estudo documenta como, a diferenza do gaiteiro —considerado o «dono» ou director do grupo—, o percusionista (tamborileiro, caixeiro ou bombeiro) percibía sistematicamente unha remuneración inferior. Ademais, o seu nome era agochado de forma case constante en carteis, programas e rexistros históricos, onde figuraba moitas veces baixo a etiqueta subalterna de «criado» ou «mozo».
A tese resignifica tamén o concepto popular de ‘ruído’ ou ‘arruídos’, empregado historicamente nas Rías Baixas e no resto de Galicia, e demostra que non se trataba dunha categoría cacofónica, senón dunha expresión de orgullo e identidade popular.
Codificación da ‘Escola Galega de Percusión’
A investigación ten un marcado carácter empírico. A través da desconstrución espectrográfica e auditiva de gravacións históricas do século XX —con figuras de referencia como os gaiteiros de Soutelo, Os Campaneiros de Vilagarcía ou a diáspora bonaerense—, o autor illou os rudimentos e esquemas rítmicos tradicionais.
Con ese baleirado, a tese valida cientificamente por primeira vez a existencia dunha Escola Galega de Percusión, definindo unha gramática e uns patróns rítmicos propios e estables para bailes soltos (muiñeira, xota) e agarrados (pasodobre, rumba, polca).
O traballo pecha o seu arco cronolóxico analizando a revolución pedagóxica e tecnolóxica do século XXI, desde a aparición dos primeiros métodos escritos de tambor galego ata a comercialización dos primeiros bancos de samplers virtuais de alta definición.
«A percusión nunca foi un mero metrónomo humano nin un acompañamento intuitivo sen valor, senón un sistema cultural e técnico de primeiro nivel. Esta tese busca facer xustiza histórica e devolver aos percusionistas o lugar central que sempre tiveron na nosa música», sinala Cristian Silva. O traballo foi concibido ademais como unha «investigación de quilómetro cero» centrada no Salnés e na vila do Carril, pero con proxección global.