A Xunta de Galicia e o Concello de Mos destinarán 155.000 euros á ampliación e mellora da rede de saneamento no lugar do camiño da Costa Redonda a Arrufana, na parroquia de Louredo, segundo o convenio de colaboración asinado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa do concello, Nidia Arévalo, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz.
A actuación consiste na execución de 517 metros de nova rede de saneamento, 19 pozos de rexistro e 10 derivacións para futuras acometidas ás que se poidan conectar no futuro máis vivendas. A previsión é que o sistema dé servizo a ata 80 habitantes, o dobre da poboación actual da zona.
O convenio contempla unha financiación do 80% a cargo da Xunta e do 20% a cargo do Concello. Ademais, o proxecto conta con cofinanciación do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
A rede proxectada verterá no colector xeral de saneamento do río Louro, e as augas residuais terán como destino a estación depuradora de Guillarei, situada no Concello de Tui. A actuación forma parte da estratexia da Xunta para completar e mellorar progresivamente o saneamento na conca do Louro, aproveitando a capacidade de dita depuradora.
Ángeles Vázquez destacou que o convenio exemplifica a colaboración entre a Xunta e o Concello para sumar recursos e capacidade co fin de impulsar infraestruturas hidráulicas que ofrezan un servizo de calidade á veciñanza e constrúan un territorio máis resiliente. A conselleira subliñou tamén que investir en saneamento significa mellorar os servizos públicos, protexer os recursos hídricos e avanzar cara a un territorio máis sostible.
Segundo a fonte oficial, a Xunta mantén unha política activa de colaboración cos concellos, achegando financiación e apoio técnico para acometer actuacións que, pola súa complexidade ou o seu custo económico, resultarían difíciles de levar a cabo exclusivamente con recursos municipais.
Fonte: Augas de Galicia