A Deputación de Lugo aprobou este venres mobilizar máis de 500.000 euros en novas medidas de cooperación cos concellos, destinadas a recuperar o patrimonio, mellorar os espazos públicos e impulsoar actuacións que repercuten na calidade de vida da veciñanza. Así o avanzou a portavoz socialista do Goberno, Pilar García Porto.
Convenio con O Incio
A Deputación destinará 250.000 euros ao Concello de O Incio para axudar á rehabilitación da Casona, un inmoble emblemático situado no centro da vila que permitirá que sexa recuperado e posto á disposición da veciñanza. García Porto destacou que a aprobación desta inversión chega apenas un mes despois do compromiso adquirido pola presidenta da Deputación co alcalde durante unha visita oficial ao concello.
A institución levou o convenio á xunta de goberno tras aprobarse este martes no pleno da Deputación a cesión do inmoble. O acordo foi impulsado pola presidenta, Carmela López, e adoptado por unanimidade de toda a corporación provincial. Agora é o Concello de O Incio quen debe levar a cabo a recuperación do inmoble, e a Deputación de Lugo é a primeira administración en dar luz verde á súa colaboración económica.
O proxecto da Casona contempla a rehabilitación da planta baixa, a creación dun espazo semicuberto cunha pérgola de madeira, a mellora do xardín e dos espazos exteriores, así como a recuperación do antigo anexo e a construción dunha pista polideportiva. A actuación abarcará tanto o edificio como o seu contorno, situado no centro da vila e conectado coa Praza da Cruz.
Máis de 250.000 euros para o barrio da Fortaleza de Castroverde
No caso de Castroverde, aprobouse unha achega de 262.781,75 euros para renovar e humanizar o barrio da Fortaleza, un dos contornos de maior valor histórico, patrimonial e paisaxístico do concello. As actuacións permitirán mellorar a accesibilidade e os camiños peonís, renovar a iluminación pública e o mobiliario urbano, así como modernizar as redes de abastecemento e saneamento.
O proxecto inclúe tamén o soterramento das redes aéreas de electricidade e telecomunicacións, unha intervención que requirirá actuar na estrada provincial Travesía de Montecubeiro.
Outras actuacións
A Xunta de Goberno tamén acordou licitar, por máis de 300.000 euros, obras en dúas estradas que conectan os concellos de Navia de Suarna e Cervantes, fundamentais para a poboación local e para deportistas e visitantes dos Ancares. Ademais, a Deputación colaborará con FADEMUR para a celebración do Día Internacional das Mulleres Rurais e convoca o IX Concurso Fotográfico polo 20º aniversario das Reservas da Biosfera dos Ancares Lucenses.
Fonte: Deputación de Lugo