A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, publicou «Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925)», un epistolario que recupera a voz da primoxénita de Rosalía de Castro e Manuel Murguía e achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía.
O libro está editado pola profesora e investigadora Dolores Vilavedra, con prólogo de Xesús Alonso Montero, e é o primeiro título da nova Biblioteca da Cátedra Rosalía de Castro. Está dispoñible na Libraría Dixital da USC.
A presentación tivo lugar este venres 16 na biblioteca do Instituto da Lingua Galega, nun acto coa participación de Marcelo Maneiro Maneiro, vicerreitor de Innovación e Transferencia do Coñecemento; Elisa Fernández Rei, directora do Instituto da Lingua Galega; María Coutinho Villanueva, subdirectora Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia; Fernando Cabo Aseguinolaza, codirector da cátedra; Julio García Comesaña, deputado e secretario da Mesa do Parlamento de Galicia, e Dolores Vilavedra, catedrática de Filoloxía Galega da USC, presidenta do Consello da Cultura Galega e editora do volume.
Para Vilavedra, a edición significa «dar voz a unha muller como Alejandra, que quedou completamente ensombrecida polas figuras dos seus pais, aos que se entregou cunha xenerosidade inesgotable». A editora reivindica así o interese propio dunha creadora que, malia ter «moito que facer e que dicir», quedou practicamente invisibilizada pola historia.
O epistolario permite reconstruír a singular amizade entre Alejandra Murguía e Ángela Santamarina, dúas figuras do seu tempo unidas por numerosos intereses e afectos, pero separadas por unha notable distancia económica e social. As cartas amosan como ambas as mulleres crearon os seus propios canais de comunicación e construíron unha relación que se mantivo durante anos.
Unha artista cunha carreira interrompida
Alejandra Martínez-Murguía de Castro naceu en Santiago de Compostela en 1859. Dende moi nova mostrou aptitudes para o debuxo e a pintura e formouse na Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, unha das poucas institucións galegas que entón ofrecían ensinanzas artísticas ás mulleres, aínda que de maneira moi limitada e desigual respecto aos homes. Acuarelista, retratista e ilustradora, foi mestra do seu irmán Ovidio Murguía e colaborou na prensa ilustrada da súa época: os seus traballos apareceron en La Ilustración Gallega y Asturiana, publicación dirixida por Manuel Murguía, para a que deseñou a cabeceira empregada dende xullo de 1879.
Tamén participou na construción gráfica dos símbolos do galeguismo: está documentado que foi a autora do deseño do estandarte encargado en 1891 polo Centro Galego da Habana, unha peza con alegorías e elementos heráldicos que incorporaba a banda azul transversal sobre fondo branco. A investigación contemporánea sitúaa así no proceso colectivo do que xurdiu a bandeira galega, aínda que non existe unha proba definitiva que permita atribuír a unha soa persoa o deseño actual.
A súa traxectoria estivo marcada polas renuncias: tras a morte de Rosalía en 1885 asumiu o coidado do pai e dos seus irmáns, e chegou a rexeitar un posto como restauradora no Museo del Prado porque Manuel Murguía non aprobaba que marchase a Madrid. Ademais, recolleu versos, refráns e composicións da tradición oral que compartiu con investigadores como Víctor Said Armesto, Casto Sampedro e Perfecto Feijoo, e foi fonte fundamental para recuperar a melodía tradicional da Alborada de Rosalía, que cantou para que puidese ser transcrita.