A Xunta de Goberno aprobou este martes os orzamentos de Vigo para 2027 cun importe de 365.058.205 euros, o que supón 14,1 millóns máis que o ano pasado e un incremento superior ao 4%. Segundo o Concello, trátase do orzamento máis alto da historia da cidade.
O documento finánciase con fondos propios, con 120 millóns procedentes do Estado e 6,6 millóns da Xunta, e con débeda 0, segundo explicou o alcalde. En materia fiscal, as contas inclúen unha conxelación total de taxas e impostos por valor de 4,4 millóns, ademais de bonificacións por importe de 10 millóns, o que supón un aforro total para a cidadanía de 14,5 millóns. O documento recolle esta conxelación tendo en conta que a inflación deste ano será do 5%. Vigo mantén así, segundo o goberno local, a presión fiscal máis baixa de Galicia e das cidades de España con similar rango poboacional.
Partidas destacadas
As grandes cifras do orzamento inclúen as seguintes partidas:
Mobilidade e seguridade cidadá (Policía, Bombeiros, Seguridade e Tráfico): 50.516.664,39 euros, un 7,07% máis. Vivenda, Urbanismo e Fomento: 41.214.694,86 euros (+11,7%). Benestar comunitario (recollida de residuos e alumeado público): 65.141.684 euros (+1,99%). Servizos Sociais e promoción social: 29.724.856 euros (+6,09%).
Medio ambiente (parques e xardíns): 20.977.952 euros (+8,45%); Educación: 19.445.230 euros (+6,05%); Cultura (bibliotecas, museos, patrimonio histórico, ocio e tempo libre e festas): 23.358.584 euros (+17,59%); Comercio e Turismo: 9.244.721 euros (+31,32%); e Transporte público: 25.402.978 euros (+21,45%).
As transferencias a outras administracións públicas ascenden a 525.000 euros (+3,14%), Deporte conta con 21.194.728 euros e Emprego con 5.263.585 euros, cunha subida de case o 1%.
Dentro da partida de Vivenda, Urbanismo e Fomento, o orzamento recolle unha bolsa de alugueiros municipais dotada con 700.000 euros; unha oficina de rehabilitación con 466.818 euros; subvencións para a mellora da accesibilidade de vivendas por 220.000 euros; un contrato de mediación para alugueiros sociais de 100.500 euros; e inversións por valor de 2.728.293 euros. Tamén inclúe o impulso á Empresa Municipal de Vivenda e o mantemento do programa de fomento do alugueiro mediante a financiación de reformas.
Fonte: Concello de Vigo