O director de Augas de Galicia, Roi Fernández, puxo en valor o sistema de alerta temperá que utiliza desde hai anos a Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa como referente a nivel nacional na xestión autonómica ante eventuais inundacións e outros episodios extremos. Fíxoo durante a súa intervención nunha mesa redonda sobre a xestión da auga no norte e centro de España no marco da Spain Smart Water Summit 2026, evento que se celebra en Madrid e que este ano cumpre a súa décima edición.
Fernández destacou a importancia da prevención para protexer os recursos hídricos da conca Galicia-Costa, cunha superficie de case 13.000 km² e 2 millóns de habitantes. Unha das pezas clave do sistema de alerta hidrolóxica da Xunta é o modelo Merlin, unha ferramenta de alta precisión que integra nunha única plataforma modelos meteorolóxicos, hidrolóxicos e hidráulicos, ofrecendo predicións máis exactas e en tempo real nos ríos da demarcación.
Para optimizar este sistema, que permite prever a tres días vista posibles desbordamentos na conca autonómica en base ás predicións de MeteoGalicia e da Aemet, entre outros datos, o organismo hidráulico investiu recentemente 631.879,24 euros co fin de ampliar o número de modelos, mellorar a calibración e validación das predicións, reforzar a capacidade de resposta en tempo real e aumentar a cobertura en zonas de risco potencial significativo de inundación.
A última evolución de Merlin supuxo un aumento notable na complexidade dos cálculos e no volume de información a procesar, o que require infraestruturas de supercomputación avanzada garantidas grazas ao apoio da Fundación Pública Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia, en virtude dun convenio asinado este ano con Augas.
Como exemplo da resposta do sistema, Fernández explicou que o tren de borrascas que afectou Galicia entre os meses de xaneiro e febreiro deste ano puxo a proba Merlin, nun escenario no que o caudal medio dos principais ríos da demarcación se incrementou nun 310% e no que se chegou a activar algún nivel de alerta por risco de avenidas nun total de 68 estacións de aforo.
Entre as melloras previstas figura a instalación de medidores de velocidade da auga por radar en tres estacións piloto. Ademais, Merlin actualiza actualmente cada 12 horas os datos de 23 concas e a información de 14 áreas de risco potencial significativo de inundación (Arpsis), e o obxectivo é chegar a 24 concas e 51 Arpsis. Os puntos de predición pasarán dos 53 actuais a 100 nas concas fluviais e de 14 a 68 nas zonas inundables.
O director de Augas de Galicia tamén se referiu aos 354.000 euros investidos na dixitalización e homoxeneización dos datos das redes de seguimento do estado das masas de auga na demarcación; os 385.000 euros para a mellora da rede de piezometría; os 177.000 euros para optimizar a monitorización e xestión do plan de emerxencia dos encoros desta conca; e os 2,36 millóns de euros destinados a implantar un [o documento córtase neste punto].
Fonte: Augas de Galicia