A Deputación de Lugo e a Cadena SER celebrarán unha nova edición de Con Voz de Muller o próximo 23 de outubro, a partir das 19:30 horas, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Baixo o lema Nin boas nin malas: nais, a cuarta edición deste encontro proporá falar da maternidade desde a diversidade, afastándose de modelos únicos e das etiquetas sobre o que significa ser nai.
A presidenta provincial, Carmela López, será a encargada de abrir o evento nunha conversa coa xornalista Sara Meijide, quen conducirá a gala. Ese espazo de reflexión dará paso á mesa redonda Maternidade sen manual, na que participarán tres mulleres con percorridos moi diferentes.
Intervirán Iria López, CEO de Bebé Ratón, que combina a maternidade co emprenamento; Isabel Ares, responsable de Isabel Ares Peluquería Unisex, que aos 40 anos decidiu cumprir o seu desexo de ser nai recorrendo á reprodución asistida; e Antía Pérez, xogadora internacional de fútbol sala, actualmente no Castro FS e anteriormente no Burela. A deportista, que foi nai hai apenas tres meses coa súa parella, Laura, achegará ao debate a realidade dunha familia homoparental e os retos específicos de conciliar a maternidade co deporte de alto nivel.
O encontro contará tres historias diferentes para poñer sobre a mesa as presións, expectativas e decisións que acompañan á maternidade, así como a necesidade de falar dela sen xuízos nin modelos preestablecidos. A artista Laura LaMontagne porá a banda sonora a esta edición, nunha noite que combinará conversa, experiencias persoais, divulgación, humor, música, participación e sorpresas.
A gala incluirá ademais o concurso Derribando mitos, construíndo realidades, no que o público deberá decidir entre mito ou realidade. As respostas estarán acompañadas das explicacións de Vanessa Lora, xinecóloga especializada en reprodución asistida de EVALO, e Patricia Pontón, fisioterapeuta especializada en solo pelviano. A proposta permitirá achegar información sobre reprodución, saúde da muller e solo pelviano desde unha perspectiva próxima e comprensible.
A última conversa da xornada terá como protagonista a ex ximnasta olímpica Almudena Cid, unha das figuras máis recoñecidas, quen se encargará de pechar a gala.
Claves
- Data: 23 de outubro, a partir das 19:30 horas.
- Lugar: Salón de Actos do Pazo de San Marcos.
- As portas abriranse ás 19:30 horas para recibir ao público.
- Os interesados en acudir poden descargar o seu convite en Eventbrite: https://www.eventbrite.com/e/entradas-con-voz-de-muller-nin-boas-nin-malas-nais-2003016741995?aff=oddtdtcreator
Fonte: Deputación de Lugo