A Xunta, a través de Augas de Galicia, aposta pola información e a prevención para salvagardar bens, reducir danos e protexer as persoas ante o risco de inundacións. Así o destacou o director do organismo, Roi Fernández, durante a súa comparecencia ante a Comisión 2ª de Ordenación do Territorio, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento, en resposta a unha pregunta sobre as políticas hidráulicas nesta materia.
Fernández lembrou que o Plan de Xestión do Risco de Inundación de Galicia-Costa, aprobado en 2023, ten como obxectivo reducir e minimizar as consecuencias negativas das inundacións. Sobre esa base, o organismo desenvolve un programa de concienciación e divulgación mediante sinalización nas Áreas de Risco Potencial Significativo de Inundación (Arpsi), as zonas con maior risco e perigosidade.
O Pedarpsi
A actuación enmárcase no Plan Estratéxico de Divulgación das Arpsi (Pedarpsi), cuxa finalidade é facer visible un risco que na maioría dos casos permanece oculto ata que se produce un episodio extremo. O plan busca aumentar o coñecemento sobre o comportamento natural dos ríos, mellorar a percepción do risco, manter viva a memoria dos episodios sufridos e informar sobre como actuar durante unha inundación.
A actuación conta cun investimento de 699.466,71 euros e contempla a instalación de sinalización diversa adaptada ás características de cada Arpsi: paneis xerais dunha e dúas caras, paneis infantís e paneis reducidos. Concretamente, a instalación está en marcha en 44 das 46 áreas previstas, distribuídas en 44 concellos diferentes, con 565 carteis instalados e máis de 300 permisos, comunicacións previas e notificacións tramitadas para a súa posta en funcionamento.
O ritmo de execución facilitouse trala modificación da Lei de augas de Galicia, que exime de licenzas, autorizacións e informes sectoriais as actuacións de sinalización vinculadas á protección fronte ao risco de inundación dentro das Arpsi de Galicia-Costa.
Fernández sinalou ademais que a iniciativa ten un carácter diferencial no contexto estatal: fronte á sinalización convencional de puntos perigosos aplicada noutros lugares, Augas de Galicia desenvolve unha actuación planificada, continuada e de amplo alcance territorial que ofrece información permanente á cidadanía.
O director de Augas de Galicia aproveitou tamén a súa comparecencia para reclamar ao Estado un maior compromiso inversor con Galicia, e lembrou a necesidade de avanzar en actuacións estratéxicas como o reforzo do abastecemento a Vigo e ao sur da provincia de Pontevedra; as intervencións de saneamento e depuración de Ames, Verín, Neda e Monterroso; ou as novas estacións depuradoras de Outeiro de Rei e Portomarín.
Fonte: Augas de Galicia