Centos de excolegiais do Colexio Maior San Clemente da Universidade de Santiago de Compostela fixeron público o manifesto ‘Salvar San Clemente’, no que reclaman a rehabilitación integral e a reapertura do colexio maior, pechado desde hai máis de cinco anos por deficiencias estruturais e instalacións obsoletas, segundo o comunicado difundido pola propia universidade.
A iniciativa xorde tras o derrubamento de parte da fachada do edificio, concretamente dunha das súas varandas, que os asinantes cualifican como «a evidencia tangíbel dun abandono prolongado que deixou o edificio nunha situación de deterioración crítica» e que «debe actuar como o catalizador definitivo». O manifesto sinala que a falta de financiamento impediu até agora acometer as obras necesarias.
O texto reclama ás administracións públicas competentes nos ámbitos local, autonómico e estatal que unan vontades e garantan con carácter urxente o financiamento necesario para retomar o plan de rehabilitación e facer posíbel a reapertura. Os asinantes argumentan, ademais, que manter clausuradas decenas de prazas públicas de aloxamento universitario constitúe «unha contradición inaceptábel» nun contexto de mercado inmobiliario tensionado e alugueiros cada vez máis inasumíbeis para familias e estudantes en Santiago de Compostela.
O manifesto sostén que a reapertura do colexio maior contribuirá á igualdade de oportunidades no acceso á educación superior, ofrecendo un teito digno e accesíbel a quen elixan Santiago para desenvolver a súa etapa universitaria. Os asinantes afirman tamén que a comunidade universitaria e a cidadanía non poden resignarse a contemplar «a ruína silenciosa» do edificio mentres a humidade e a vexetación aceleran o seu deterioro estrutural e arquitectónico.
O documento foi referendado, até o momento, por duascentas persoas. Foi presentado esta mañá ante o propio Colexio por unha representación dos asinantes, todos eles excolegiais, nun acto no que o profesor Julio González Díaz foi o encargado de dar lectura ao manifesto. No acto estiveron acompañados pola reitora, Rosa Crujeiras, e polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Planificación Económica e Infraestruturas, Roberto Bande, que mostraron o seu apoio a esta acción.