O servizo municipal de abastecemento de auga de Vilalba rexistrou este martes unha nova avería na Rúa Cidade de Viveiro, o que suscitou as críticas de veciños e usuarios, por tratarse dunha situación que se repite no tempo.
O subministro quedou interrompido desde primeira hora da mañá e desde o Concello informaron arredor das 11.00 que se debía a unha fuga e que se verían afectados os números impares desta rúa durante a mañá.
O persoal de Espina e Delfín, empresa encargada da xestión do servizo, leva varias horas traballando para restablecer o subministro. «Pedimos desculpas polas molestias e agradecemos a comprensión da veciñanza mentres se resolve a incidencia», afirmaron desde o Concello.
Non obstante, as críticas dos veciños non se fixeron esperar, cualificando de «vergoñoso» o acontecido. «Somos a rúa tercermundista de Vilalba», apuntou outra usuaria.
Outros apuntaron que era a segunda incidencia en menos de dúas semanas, xa que a anterior se produciu o pasado 19 de febreiro.
As queixas polo estado da rúa intensificáronse desde principios de ano, denunciando o seu deficiente estado, non só polas continuas averías no subministro de auga, senón tamén polos desperfectos nas beirarrúas, provocados polo paso do tempo, polos arranxos nas tubaxes e polo feito de que os coches aparquen enriba delas para que quede espazo suficiente para circular pola calzada.
O asunto chegou a abordarse incluso no último pleno ordinario, celebrado o 28 de xaneiro, a través dunha proposta do PP, que demandaba ao goberno local que presentase un proxecto ante a Deputación, titular da vía, para chegar a un acordo entre ambas entidades e acometer unha renovación integral dos servizos na Rúa Cidade de Viveiro.
O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, recoñeceu que o problema está en que «todas as canalizacións están obsoletas» e lembrou que «o chan e o saneamento son da Deputación e as beirarrúas dependen das dúas administracións».
Fixo fincapé ademais no elevado custo da actuación que se propoñía. «Ao mellor estase a falar duns 1,7 millóns de euros», calculou.
Únete a la conversación
Regístrate gratis con tu email para comentar en las noticias. Tu opinión importa.