Os vellos oficios: Ana Antelo, artesá téxtil
Os vellos oficios: Ana Antelo, artesá téxtil / Artesanía de Galicia
Na aldea de Baíñas, no concello de Vimianzo (A Coruña), entre telas, patróns e carretes de fío traballa Ana Antelo, a artesá que converteu a súa afección pola moda e pola tradición nunha marca propia: Ana Trasariz.
As súas pezas —bolsos, fundas, carteiras e complementos— non só procuran funcionalidade e estética, senón tamén perpetuar as raíces de onde xurdiron, entre os muros da fortaleza vimiancesa.
Hoxe esta trintañeira vai hilvanando día a día un proxecto que combina a tradición téxtil galega cunha ollada contemporánea e persoal.
O inicio dunha paixón artesanal
Ana estudou patronaxe e moda en A Coruña pensando que o seu futuro podería estar na industria da moda urbana.
Con todo, unha experiencia cambiou o rumbo da súa vida profesional: un obradoiro de liño no castelo de Vimianzo.
Durante dous anos aprendeu da artesá Carmen os segredos do tecido no tear e mergullouse nunha tradición ancestral onde cada movemento dos fíos ten un ritmo propio.
Desa vivencia naceu a súa paixón polo artesanal, o valor do feito a man e a idea de seguir un legado que forma parte da historia da Costa da Morte.
O nacemento de Ana Trasariz
Ana decidiu dar forma ao seu propio proxecto.
Nun programa de emprendemento, desenvolveu a súa marca e escolleu para ela o nome de Ana Trasariz, unindo a súa identidade persoal coas raíces do contorno no que xurdiu e no que está o pazo de Trasariz, íntimamente ligado ao castelo onde comezou a florecer unha idea con futuro.
Creacións con identidade galega
Todas as pezas que elabora Ana Antelo están deseñadas e confeccionadas a man.
Cada colección nace da selección coidada de tecidos naturais, frecuentemente inspirados na natureza de Galicia: as súas cores, as súas texturas, os seus matices verdes, azuis e tons terrosos.
Tamén poden personalizarse segundo os gustos do cliente, desde os estampados ata as cores ou detalles do deseño final.
Asegura que a apaixona o grao de liberdade creativa e de deseño que lle permite o seu oficio, ademais da aprendizaxe constante.
O seu traballo está avalado co distintivo de Artesanía de Galicia, un recoñecemento que a sitúa xunto a outras grandes marcas artesás da comunidade.
Compromiso co rural galego
Pero para Ana, este oficio tamén é unha elección de vida: volver ás raíces, apostar pola súa terra e demostrar que nos pobos tamén pode xerminar unha idea con proxección, arraigo e futuro.
«Pequenos proxectos como o meu poden contribuir a darlle vida e futuro ao rural e a fixar poboación, que é fundamental», explica.
Eses proxectos, á súa vez, axudan ás pequenas economías do contorno, afirma esta vimiancesa que utiliza telas de liño ou o encaixe de Camariñas, entre outras.
Ademais de acudir a feiras e encontros, Ana Antelo amosa o seu traballo nas redes sociais, onde se pode ver o proceso de elaboración de bolsos e complementos e tamén personalizar as pezas: anatrasariz.com
Únete a la conversación
Regístrate gratis con tu email para comentar en las noticias. Tu opinión importa.