O FIC Vía XIV presentou a programación completa da súa décima edición, que se celebrará do 26 ao 31 de outubro en Verín. O festival combina as proxeccións das seccións oficiais a concurso con actividades educativas en colaboración cos centros escolares da vila, iniciativas de accesibilidade, música en directo e encontroos en torno á sétima arte, baixo o lema desta edición, «A verdade nunca foi tan fráxil».
O martes 27 de outubro, ás 11.00 horas, o Auditorio Municipal acollerá Noticia Invisible, unha actividade da narradora Raquel Queizás patrocinada por Gadis que combina narración oral, marionetas e fragmentos do cinema mudo para achegar a nenos e nenas á desinformación e á importancia de desenvolver unha mirada crítica ante as pantallas. A través das aventuras da reporteira Lupa e de películas de Buster Keaton e Charles Chaplin, a sesión convida a identificar noticias falsas. Realizada en colaboración cos colexios da vila, prevé reunir a máis de 300 escolares.
O mércores 28 de outubro, pola mañá no Auditorio Municipal, celebrarase Aula XIV. Descubre o festival, vive o cine, destinada ao alumnado de bacharelato e que reunirá a máis de 100 escolares. A sesión incluirá unha selección de curtametraxes sobre posverdade e desinformación, completada cunha charla do equipo do festival para explicar como se organiza un certame destas características.
Música, cine inclusivo e cinefórum
O xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, terá lugar o concerto FIC Vía XIV Film Symphony, a cargo da Banda de Música de Verín en colaboración co Conservatorio Profesional de Música de Verín. O repertorio percorre bandas sonoras de películas como Ghost, Coco, Cinema Paradiso, Titanic, Encanto e Barbie, ademais de pezas como a Coronel Bogey March, a música de A bela durminte e a banda sonora de O bo, o feo e o malo, de Ennio Morricone.
O venres 30 de outubro pola mañá celebrarase Olladas compartidas, unha sesión de cine inclusivo que incorpora medidas de accesibilidade para facilitar o desfrute das proxeccións a persoas con diferentes necesidades.
O sábado 31 de outubro, ás 17.00 horas, o Salón de Actos da Casa da Cultura acollerá un cinefórum organizado co Cineclub Ordet, adicado á cineasta estadounidense de orixe ucraína Maya Deren, autora de Un falso espertar (Estados Unidos, 1943), e á poeta e cineasta iraniana Forugh Farrokhzad, directora do documental A casa é negra (Irán, 1963). O Cineclub Ordet, coordinado por Manuel Ayán e Daniel Dapía, naceu en 2025 ao abeiro do FIC Vía XIV e deu continuidade aos máis de sete anos de actividade do Cineclub Nosferatu na comarca de Verín.
A xornada do sábado rematará ás 20.30 horas no Auditorio Municipal coa gala final do festival, que servirá para dar a coñecer as obras gañadoras.
Claves
- Datas: do 26 ao 31 de outubro en Verín.
- 27 de outubro, 11.00 horas: Noticia Invisible con Raquel Queizás no Auditorio Municipal, para máis de 300 escolares.
- 28 de outubro, pola mañá: Aula XIV para alumnado de bacharelato, máis de 100 escolares, no Auditorio Municipal.
- 29 de outubro, 20.30 horas: concerto FIC Vía XIV Film Symphony coa Banda de Música de Verín e o Conservatorio Profesional de Música de Verín.
- 30 de outubro, pola mañá: sesión de cine inclusivo Olladas compartidas.
- 31 de outubro, 17.00 horas: cinefórum co Cineclub Ordet no Salón de Actos da Casa da Cultura.
- 31 de outubro, 20.30 horas: gala final no Auditorio Municipal.
Fonte: Concello de Verín