O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, interviu este 29 de setembro no Parlamento Europeo no acto da coalición EuRegions4Cohesion, organizado coa colaboración da Fundación Galicia Europa, para defender o papel das comunidades autónomas na configuración do novo Marco Financeiro Plurianual da Unión Europea 2028-2034.
A proposta da Unión integra nun único Fondo e nun Plan de Colaboración Nacional e Rexional (PCNR) por estado membro o que no período 2021-2027 se articulaba mediante programas e fondos diferenciados. O novo modelo busca simplificar as regras, aumentar a flexibilidade e reforzar a orientación a resultados, pero presenta cuestións de especial relevancia para Galicia, segundo a Xunta.
Participación autonómica e distribución territorial
Corgos demandou unha política de cohesión accesible a todas as rexións, cunha participación real das autoridades locais e rexionais na preparación e execución dos plans e cun enfoque territorial baseado na gobernanza multinivel. Tamén reclamou a necesidade dun orzamento específico e diferenciado para preservar unha resposta financeira suficiente para políticas estratéxicas como a cohesión, a agricultura e a pesca.
Galicia defende unha distribución territorial baseada en criterios obxectivos e transparentes, xa que o cambio de arquitectura non pode traducirse nunha perda abrupta da capacidade de investimento das rexións, nin deixar a asignación territorial exclusivamente en decisión do estado membro. Nesta liña, o conselleiro considerou necesario que o Plan español identifique de forma clara os recursos destinados á Comunidade e estableza garantías suficientes sobre a súa estabilidade, evitando a súa reorientación a outras prioridades sen a participación da autoridade responsable do capítulo rexional.
Gobernanza multinivel e sector primario
O conselleiro planteou a necesidade de que as comunidades autónomas participen desde o inicio na preparación do Plan español: no seu deseño, na definición das prioridades, na asignación territorial dos recursos, na negociación dos capítulos e nos mecanismos de modificación e seguimento. Tamén resulta necesario concretar as funcións da autoridade de xestión rexional: sistema de asignación e garantía dos recursos, participación na interlocución coa Comisión, papel da función estatal de coordinación, fluxos financeiros, sistema de seguimento, control e auditoría e a relación entre o capítulo galego e os capítulos sectoriais ou estatais.
Corgos trasladou ademais unha preocupación específica pola integración da PAC e da política pesqueira no novo fondo, demandando recursos suficientes e claramente identificables para o sector primario, a preservación dunha resposta específica para o desenvolvemento rural e unha asignación visible e protexida para a pesca e a acuicultura.
O calendario de negociación do marco financeiro urxe a que España defina canto antes o seu Plan, abrindo un proceso de diálogo e acordo coas comunidades antes de que se consoliden as principais decisións sobre a súa configuración. Galicia, recordou Corgos, está xa a avanzar na preparación do seu capítulo rexional: a Estratexia Galicia-Eur.
Fonte: Xunta de Galicia