A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno achegas por valor de preto de 600.000 euros para os concellos de Agolada, Bueu, Dozón e Nigrán, no marco do Plan +Provincia 2026-2027.
Segundo anunciou o presidente provincial, Luis López, Nigrán recibirá 85.000 €, Dozón 110.000 €, Agolada arredor de 170.000 € e Bueu unha achega valorada en 215.000 €.
Obras e servizos previstos
En Nigrán, os recursos provinciais destinaranse á construción e prolongación dunha beirarrúa na rúa San Roque, co fin de conectala coa existente na rúa dos Pazos. Para resolver os desníveis do terreo será necesario executar un muro de contención trala preparación e acondicionamento do terreo. A actuación completarase coa pavimentación da nova beirarrúa e a adecuación dos encontros coa calzada e os accesos próximos.
En Dozón, o obxectivo é renovar e mellorar as rúas interiores do lugar de Riazó. Para iso retirarase o pavimento nas zonas máis danadas e acondicionaranse aquelas nas que sexa posible aproveitalo. A actuación tamén permitirá mellorar a evacuación das augas pluviais, evitando que se acumulen nas entradas das vivendas, e renovar as instalacións de abastecemento de auga e evacuación que poidan verse afectadas.
Agolada contará con 170.000 euros a través de dúas achegas. Unha de 85.000 € adicarase aos servizos de recollida de residuos sólidos urbanos, por unha parte, e ao de xestión e atención socioeducativa no punto de atención á infancia, pola outra. Ademais, contará con outra axuda de 85.000 € para a mellora e renovación da rede de saneamento do lugar de Sa. Retiraranse as tubaxes e os pozos que se atopan en peor estado, así como a depuradora actual, que presenta danos e está a provocar vertidos ao río. No seu lugar instalarase unha nova rede de saneamento e unha nova depuradora de augas residuais.
En Bueu, o proxecto de instalación dunha rede separativa para a EBAR de Beluso busca mellorar a rede de saneamento desta zona, separando as augas pluviais das residuais para evitar que as primeiras cheguen ao bombeo e reducir así os problemas de vertidos. Para iso construiranse novas canalizacións co fin de recoller e conducir as augas de choiva cara ao punto de desaugadoiro.
Fonte: Deputación de Pontevedra