O Concello de Vigo puxo en marcha o procedemento de contratación do servizo de promoción turística da marca «Vigo» para atraer máis viaxeiros á cidade a través da conectividade aérea directa dende o aeroporto, segundo informou este xoves, 8 de outubro de 2026, o alcalde.
O obxectivo municipal é potenciar o posicionamento da cidade en mercados estratéxicos con conexións aéreas directas a dous destinos nacionais, Sevilla e Alacante, e dous destinos europeos, Londres e París.
Segundo explicou o rexedor, a acción promocional busca impulsar as viaxes, a desestacionalización da demanda e a diversificación da oferta, poñendo en valor os recursos turísticos, os negocios, a economía e a cultura de Vigo mediante o apoio municipal á creación de novas rutas aéreas con destino Vigo. «Queremos atraer máis visitantes, máis viaxeiros e queremos promover o uso do aeroporto», sinalou o alcalde, quen engadiu que con este proxecto «estamos potenciando o posicionamento da cidade en mercados estratéxicos con conexións aéreas estables».
Base técnica do proxecto
O Goberno municipal leva meses estudando a situación a partir dos informes de AENA, do Vigo Convention Bureau e do Grupo de Traballo de Conectividade Aérea galego para identificar os destinos máis relevantes para a cidade. Atendendo á demanda potencial e ao destino de viaxeiros vigueses de negocios e de turismo, a proposta recolle dous rutas nacionais, Vigo-Alacante e Vigo-Sevilla, e dous rutas europeas, Vigo-Londres e Vigo-París.
O alcalde subliñou que o turismo, os negocios, as feiras e a economía «son actividades vitais na cidade e das que vive a cidade. Son transversais porque inflúen e abranguen todos os sectores económicos». Na súa opinión, o transporte aéreo e as comunicacións son claves para mellorar a competitividade da economía, polo que considera imprescindible incluílos nos plans de promoción e comercialización turística.
«A través da publicidade nas compañías, apoiamos a marca Vigo. Queremos potenciar a presenza de Vigo en España e a nosa relación con dúas grandes capitais europeas», concluíu o rexedor.
Fonte: Concello de Vigo