A Sala Municipal José Ángel Valente de Ourense acolle desde hoxe a exposición itinerante “Centenario dos Grandes Voos da Aviación Española (1926-1935)”, unha mostra que achega á cidadanía as principais xestas aéreas da historia de España e que poderá visitarse até o 31 de outubro.
A inauguración oficial tivo lugar esta mañá coa intervención do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e do xeneral de división Alfonso Reyes Leis, xeneral xefe do Mando Aéreo Xeral. Tras o acto desenvolveuse unha visita guiada a cargo do comisario da exposición, o xeneral Jorge Clavero.
A mostra ten como obxectivo primordial render homenaxe e dar visibilidade aos fitos aeronáuticos conseguidos no período de entreguerras, unhas xestas que entón tiñan un significado comparable ao que hoxe supón a exploración espacial. O percorrido cronolóxico arranca co histórico voo do Plus Ultra, que despegou de Palos de la Frontera o 22 de xaneiro de 1926 cara a Bos Aires, e repasa os oito voos máis significativos da época.
A través de elementos didácticos, a exposición reúne maquetas de avións e equipos de aviación orixinais, fotografías históricas e documentos da época, ademais de obxectos e pertenzas persoais dos aviadores protagonistas.
Os fondos proceden maioritariamente do Museo de Aeronáutica e Astronáutica, xunto con colaboracións do Cuartel Xeneral do Exército do Aire e do Espazo, o Acuartelamento Aéreo de Tablada, a Fundación Infante de Orleans e coleccións particulares. Conta ademais co apoio da Asociación de Amigos do Museo do Aire e da Fundación de Aeronáutica e Astronáutica Españolas. A mostra está organizada polo Servizo Histórico e Cultural do Exército do Aire coa colaboración do Concello.
Durante os días que dure a exposición, estarán en Ourense dous expertos en historia aeronáutica que realizarán visitas guiadas para explicar os detalles e o contexto histórico da mostra. Os grupos e colectivos interesados en solicitar unha visita guiada poden contactar directamente coa Subdelegación de Defensa en Ourense.
Claves
- Lugar: Centro Cultural José Ángel Valente.
- Datas: do 16 ao 31 de outubro de 2026.
- Entrada e visitas guiadas: gratuítas para o público en xeral.
- Horario, de martes a sábados: de 11.00 a 13.30 h e de 17.00 a 20.00 h.
- Horario, domingos: de 11.00 a 13.30 h.
- Visitas para colectivos: contactar coa Subdelegación de Defensa en Ourense.
Fonte: Concello de Ourense