O catedrático de Dereito Mercantil e novo valedor universitario, Julio Costas Comesaña. / Duvi
Tras un primeiro intento fallido, a UVigo ten xa novo valedor, o catedrático de Dereito Mercantil Julio Comesaña Costas. Sustituirá a Esther Pillado, que finalizou a súa etapa en xaneiro tras cinco anos no cargo, ao obter o apoio maioritario do Claustro na segunda votación (66 papeletas a favor, 4 en contra e 2 en branco) durante a sesión extraordinaria celebrada esta mañá no campus de Pontevedra.
Costas presentouse ante os claustrales como candidato único e de consenso, despois de que na primeira votación para substituír a Pillado celebrada o pasado decembro ningún dos dous aspirantes, Maribel Doval e Xosé Manuel Cid, obtivera o respaldo necesario.
Antes da votación, o catedrático resumiu a súa traxectoria académica e profesional. Vinculado á UVigo desde 1989, Costas foi vicedecano das facultades de Económicas e Xurídicas, así coma director do departamento de Dereito Privado e, actualmente, responsable da área de Dereito Mercantil.
Julio Costas Comesaña, novo valedor da UVigo
Ademais foi membro da Comisión Nacional de Competencia e da Comisión de Propiedade Intelectual do Ministerio de Cultura e forma parte do Xurado de Autocontrol.
Costas recoñeceu o traballo de Esther Pillado e a súa intención de sucedela no cargo con «espírito construtivo». Comprométese a manter a independencia de criterio, a proximidade ás persoas, a confidencialidade e a mediación como «vía preferente» para a resolución de conflitos.
«É unha instancia de garantía, acompañamento e mellora institucional. A súa forza non está na imposición, senón na súa capacidade de convencer e propoñer solucións viables», destacou.
Defendeu que este órgano da UVigo é «un aliado» na defensa dos dereitos, na mellora da institución e no avance cara a unha universidade máis xusta, inclusiva e coherente cos seus valores. E marcouse como retos principais o seguimento dos casos abordados, a inclusión nas memorias dos ámbitos con actuacións exemplares e dos que precisan mellorar, o fomento dunha cultura de prevención de conflitos e unha escoita activa de toda a comunidade.
Únete a la conversación
Regístrate gratis con tu email para comentar en las noticias. Tu opinión importa.