O Valor Engadido Bruto (VEB) do sector da construción en Galicia creceu un 3,3% en taxa interanual no segundo trimestre de 2026, alcanzando os 1.542,7 millóns de euros, segundo o informe de seguimento do sector publicado polo Instituto Galego de Estatística con data 30/09/2026.
Apesar do crecemento, o informe constata unha ralentización: a taxa interanual do VEB alcanzara o 7,3% no último trimestre de 2025 e o 5,4% no primeiro de 2026. En España a tendencia é similar, cun crecemento do 4,3% interanual no segundo trimestre de 2026, fronte ao 7,4% do último trimestre de 2025 e o 5,6% do primeiro.
O emprego do sector creceu un 3,1% en Galicia, até os 93.413 postos de traballo equivalentes a tempo completo. Segundo a EPA, a poboación ocupada na construción aumentou un 0,4%, situándose en 79.700 persoas. O paro rexistrado mantívose por debaixo da barreira das 7.000 persoas desde marzo de 2026 e situouse en 6.390 persoas en agosto de 2026.
Caída da demanda de vivenda
As compravendas de vivendas diminuíron un 8,7% no segundo trimestre de 2026, segundo a Estatística de transmisións de dereitos da propiedade do INE. É a segunda caída consecutiva, trala rexistrada no primeiro trimestre, despois de oito trimestres de crecemento continuado desde comezos de 2024. Os datos da Estatística rexistral inmobiliaria do Colexio de Rexistadores tamén recollen un descenso, do 6,9%.
A vivenda usada, que representa máis do 70% das compravendas totais, determina a evolución do trimestre: segundo o Colexio de Rexistadores caeu un 8,9% e a nova un 0,7%; con datos do INE, a usada baixou un 11,2% e a nova un 1,1%. Pola súa banda, o número de vivendas hipotecadas, sen contar as que rexistran cambios nas condicións, diminuíu un 8,2%, tras sete trimestres consecutivos de crecemento.
En cambio, os prezos da vivenda subiron un 12,9%, segundo o Índice de Prezos da Vivenda do INE. O esforzo financeiro non variou respecto ao trimestre anterior e situouse no 29,2%, cifra que xa se alcanzara no primeiro trimestre de 2026.
Desde o punto de vista da oferta, a serie periodificada da superficie de licenzas rexistra taxas positivas respecto ao segundo trimestre de 2025.
Balanzo de 2025
No conxunto do ano 2025, o sector da construción en Galicia alcanzou un VEB de 5.440,7 millóns de euros e avanzou a un ritmo do 6,8% en termos de volume encadeado, representando o 6,3% do PIB. O emprego situouse en 90.861 postos de traballo equivalentes a tempo completo, un 2,3% máis que o ano anterior, o que supuxo o 8,3% do emprego total. En España, o sector creceu un 6% en 2025, representou o 5,4% do PIB e o seu emprego supuxo o 7,2% do total, cun crecemento do 4,3%. Tanto en Galicia como en España encadearon cinco anos consecutivos de subida do emprego.