O Boletín Oficial da Provincia de Lugo publica este xoves a resolución provisional das axudas á recría de animais de razas autóctonas nas granxas de nacemento, convocadas pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O programa, denominado Morenas, beneficia a 62 granxas lucenses con razas bovinas, ovinas e caprinas en risco de erosión xenética.
As razas beneficiarias son Cachena, Caldelá, Frieiresa, Vianesa e Limiá no caso do vacún, ademais da Ovela Galega e da Cabra Galega. As cantidades oscilan entre os 400 e os 8.000 euros, en función do número de animais e dos requisitos establecidos nas bases.
O deputado de Rural, Daniel García, destacou que «as axudas dan cobertura á recría nas granxas de preto de 1000 animais de razas bovina, ovina e caprina en risco de erosión xenética, contribuíndo a manter un patrimonio xenético propio do país e unha granxa adaptada ás condicións do territorio e aos sistemas de crianza tradicionais».
A distribución das axudas reflicte a maior presenza nas granxas da provincia da raza Cachena, que representa a metade dos exemplares de vacún beneficiados pola convocatoria, seguida pola Caldelá, a Vianesa, a Frieiresa e a Limiá. As subvencións tamén cobren as granxas con cabra e ovella galega, sumando 370 animais beneficiados na resolución.
O apoio da Vicepresidencia ás granxas de razas autóctonas complétase cunha segunda liña de subvencións dirixida a fomentar a recría de raza rubia gallega, o programa Marela!, que beneficiará a 220 granxas. En conxunto, a área de Rural destina ás granxas de razas autóctonas axudas directas por importe de 400.000 euros.
Claves
- A resolución provisional do programa Morenas publícase hoxe no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.
- Ábrese un prazo de 10 días para a presentación de alegacións.
- Beneficia a 62 granxas lucenses con importes entre 400 e 8.000 euros, en función do número de animais e os requisitos das bases.
- Razas incluídas: Cachena, Caldelá, Frieiresa, Vianesa, Limiá, Ovela Galega e Cabra Galega.
Fonte: Deputación de Lugo