A Asociación Galega de Xornalistas do Deporte (Agaxorde) presentou hoxe no Concello de Vigo as Xornadas Nacionais de Periodismo e Deporte, que se celebrarán os días 5 e 6 de outubro no Estadio Municipal de Balaídos. As xornadas están organizadas por Agaxorde co apoio do Concello de Vigo.
O programa das xornadas articularase en mesas de debate distribuídas sobre diferentes temáticas. Entre os asuntos que se abordarán figuran o olimpismo galego, a importancia para Vigo dun club como o Celta e o seu grande momento actual, a relación entre os medios de comunicación e o deporte profesional, a prevención da violencia no deporte base e a presenza das mulleres no xornalismo deportivo.
Sobre este último punto, Antonio Estévez, membro de Agaxorde, fixo fincapé na importancia da consolidación do papel da muller no xornalismo deportivo, «tanto das pioneiras como das novas xornalistas». Estévez tamén agradeceu ao Concello a promoción da iniciativa, que sitúa a Vigo no mapa nacional das actividades vinculadas ao xornalismo deportivo.
As mesas redondas estarán moderadas por profesionais do xornalismo e contarán con representantes institucionais, deportistas e dirixentes deportivos. O programa abrirase cunha homenaxe aos olímpicos galegos, a través da entrega de galardóns aos deportistas e aos seus familiares.
No acto de presentación tamén estaban presentes Miguel Pampín, secretario de Agaxorde; Cristóbal Atienza, ex secretario; o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e a concelleira delegada de Turismo e Xuventude, María Lago.
Fonte: Concello de Vigo