martes, 29 de septiembre de 2026 | Galicia, España
ÚLTIMA HORA O IPC de Galicia sube ata o 4,8% en agosto, a súa maior taxa desde 2023
Galego Castelán

Augas de Galicia colaborará cos concellos da Ferrolterra para mellorar o abastecemento

Augas de Galicia colaborará cos concellos da Ferrolterra para mellorar o abastecemento

A Xunta de Galicia colaborará cos concellos da Mancomunidade de Ferrolterra na mellora do sistema de abastecemento que dá servizo a esta comarca. Comprometeuno o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, nunha reunión convocada polo Concello de Ferrol e á que asistiron tamén rexedores e representantes locais de Narón, Fene, Ares, Mugardos e Neda.

Neda é o concello que, na situación actual de escaseza, leva meses captando auga desde o encoro das Forcadas, segundo o documento oficial de Augas de Galicia, que dá conta da reunión.

Os concellos de Ferrolterra forman parte dun dos sistemas declarados pola Oficina Técnica da Seca en situación de prealerta desde o pasado 10 de setembro. Neste contexto, a finalidade principal do encontro foi abordar a situación dos concellos que se abastecen desde As Forcadas e as posibles accións a adoptar para reforzar as garantías do abastecemento.

Os representantes municipais solicitaron a colaboración de Augas de Galicia para abordar cuestións relacionadas coa eficacia das redes, as perdas e fugas e os mecanismos para mellorar a xestión. En concreto, coincidiron en sinalar que un dos problemas prioritarios é o arranxo da tubería das Pías, que conduce e canaliza a auga desde As Forcadas. Os concellos queren acometer esta actuación con apoio da Xunta e para ela buscarán tamén a implicación da Deputación.

Ante esta petición, Roi Fernández comprometeu a participación de Augas de Galicia na execución desta intervención de mellora, que os concellos da zona deberán plasmar previamente nun proxecto de obra.

A Mancomunidade trasladou ademais a súa intención de facer unha auditoría completa e un estudo xeral do estado das súas redes, así como das melloras necesarias nas diferentes captacións. O director do organismo hidráulico indicou que, unha vez dispoñan dese diagnóstico, Augas de Galicia colaborará tamén de maneira activa na planificación de alternativas.

Fonte: Augas de Galicia

Compartir esta nova

R

Redacción Galicia Universal

La redacción de Galicia Universal elabora los contenidos del medio con herramientas de automatización bajo supervisión y responsabilidad editorial. Cómo trabajamos: /politica-editorial/

🇪🇸 Castellano