A Policía Local de Lugo detivo unha muller presuntamente autora dunha agresión con allanamento de morada no norte da cidade, segundo recolle o comunicado de prensa do corpo correspondente á semana do 22 e 23 de setembro.
Os feitos comezaron ás 17.10 horas, cando a Sala do 092 comisionou a un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio a un domicilio do norte da cidade tras recibir chamadas telefónicas nas que se advertía de ruídos de discusión e loita. No lugar, os axentes foron informados de que instantes antes unha muller chamara á porta e, tras ser atendida, introduciuse pola forza no domicilio e agrediu a unha muller que se atopaba no interior. A agredida achegou unha descrición física da presunta autora, que nese momento se ausentara e non foi posible localizar de inmediato.
Preto de hora e media máis tarde, a Sala do 092 recibiu un novo requirimento ao verse a mesma muller tentando acceder de novo ao edificio. Os axentes trasladáronse ao lugar e localizárona na escaleira, amenazando á presuntamente agredida. Procederon á súa detención e traslado a dependencias policiais, non sen antes conducila a un centro sanitario polo estado de axitación que presentaba.
Dúas queimas incontroladas
O comunicado tamén recolle dous incendios de residuos e vexetación. Ás 22.30 horas do martes 22, a Sala do 092 recibiu información sobre unha fogueira na zona de Mazoi. Os axentes do Grupo Operativo Nocturno localizaron o lume, comprobando que se estaban queimando lixo, diversos enxovais e electrodomésticos nunha zona adxacente a un camiño e sen ningún tipo de medida de seguridade. O lume foi controlado e extinguido polo Servizo de Prevención de Incendios. Tras as indagacións, os axentes identificaron á presunta autora da queima e confeccionaron a correspondente acta de infracción, ao encontrarse declarado en Galicia o risco alto de incendio entre o 1 de xullo e o 30 de setembro.
Ás 16.25 horas do mércores 23, a Sala do 092 comisionou á Unidade Territorial de Policía de Barrio á zona do Carme, desde onde, segundo chamadas telefónicas, saía moito fume. Os axentes comprobaron que ardia parte dunha leira con monte raso e matogueira, controlado e extinguido polo Servizo de Extinción de Incendios, que se personou aos poucos minutos.
O mesmo comunicado recolle ademais dúas actuacións máis: a localización dun vehículo estacionado cunha orde de precinto vixente, trasladado ao Depósito Municipal, onde permanecerá ata que o seu titular regularice a situación, e a investigación dun condutor por un presunto delito contra a seguridade viaria tras arroxar resultados de 1,72 e 1,71 mg/L nas probas de alcohol nunha glorieta da Avda. Infanta Elena o mércores 23 ás 19.15 horas, case sete veces máis do máximo permitido.
Fonte: Concello de Lugo