O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu este xoves no Salón Teatro de Santiago á estrea de A gaivota, ensaio aberto, a nova coprodución do Centro Dramático Galego, coa que, segundo destacou, «impulsamos a proxección exterior da nosa escena ao apostar por este proxecto de colaboración internacional».
A peza, creada a partir do clásico de Antón Chéjov e enquadrada nas actividades do Xacobeo 2027, «reúne entidades teatrais de diferentes países iniciando hoxe aquí un periplo que, tras Galicia, a levará por Europa e América», sinalou o responsable da Xunta, quen puxo en valor «a calidade» da coprodución e manifestou o seu desexo de que «se repita o gran éxito colleitado na anterior tempada e que volvamos asinar unha programación histórica para o noso teatro».
Unha revisión de Chéjov en galego
Con dramaturxia e dirección de Santiago Cortegoso e Neto Portela e concepción artística de Fran Núñez, a montaña aborda o teatro, a memoria e o paso do tempo dende a experiencia das mulleres, cun elenco integrado por Déborah Vukušić, no papel da Moza; Mercedes Castro, como Arkádina; e Uxía Suevos, como Nina.
Trátase dunha proposta que revisita o texto de Chéjov por primeira vez en galego, mesturando fragmentos do orixinal coas vivencias reais das intérpretes para reflexionar sobre o oficio teatral e as mulleres na creación.
A realización é froito dunha colaboración internacional liderada polo Centro Dramático Galego coa implicación do Complexo Teatral de Bos Aires – Teatro San Martín, Teatro El Galpón de Montevideo e INAE do Uruguai, Teatro Nacional Kven de Noruega, Teatro Nacional de Bautzen de Alemaña, Colectivo 84, Cena Lusófona, Cía Bonifrates e Centro Dramático de Évora de Portugal, Raiz di Polón de Cabo Verde, Institut Valencià de Cultura, Tornedalsteatern de Suecia e a produtora galega Crémilo, entre outras entidades escénicas.
Xira internacional
Tras as funcións en Santiago, a montaxe viaxará a Montevideo e a Bos Aires este mesmo mes. A xira inclúe tamén Romanía, Serbia, Portugal, Italia, Alemaña, Noruega e Suecia. Xa en España, estará en Valencia e contará de novo con funcións en Galicia entre febreiro e marzo de 2027.
Claves
- A obra poderá verse no Salón Teatro de Santiago do 2 ao 4 de outubro.
- Funcións en Montevideo do 11 ao 15 e en Bos Aires do 23 ao 25 deste mes.
- Regreso a Galicia con funcións entre febreiro e marzo de 2027.
Fonte: Xunta de Galicia